O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, urxe á Consellería de Educación a que dea unha “solución inmediata” aos alumnos de bacharelato que terán que ir a clase polas tardes logo do desdobramento de grupos fixada pola Xunta, e que quedan sen transporte. Advirte que con esta nova organización perden a posibilidade de compartir o transporte co alumnado de educación secundaria obrigatoria, como viñan facendo.
Álvarez apunta que “en moitos casos, o alumnado de bacharelato nin sequera ten a posibilidade de empregar un transporte público tanto para iniciar as clases como para retornar aos seus domicilios”. Sinala que estas problemáticas derivan da “actuación errática e indefinicións da Consellería de Educación”, que lonxe de prever diferentes escenarios como fixeron outras autonomías durante o verán, agardou á orde de 16 de setembro para desdobrar os grupos.
Isto supón que “centros cun elevado número de alumnos estean a optar por establecer horarios diferenciados para educación secundaria obrigatoria, en quenda matinal, e bacharelato, en quenda de tarde, para poder facer os desdobramentos”. Isto supón un problema sobrevido para o alumnado de bacharelato que empregaba os transportes escolares dos centros conxuntamente co alumnado de educación secundaria obrigatoria.
Transporte recoñecido
Explica que “aínda que se sabe que o bacharelato non é unha etapa educativa obrigatoria, e polo tanto non teñen dereito ao uso de transporte escolar, é sobradamente coñecido que o alumnado emprégao, tal e como recoñecen as instrucións sobre a xestión do transporte escolar”.
O goberno galego permite o uso do transporte cando existan prazas vacantes, non modifique rutas, engada novas paradas ou retrase o traxecto, polo que “neste contexto se asume que o alumnado de bacharelato, ciclos formativos medios e superiores de FP e programas similares ten transporte escolar gratuíto”.