A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, cualificou hoxe a Lei de Museos de “insuficiente, carente de contido e de vontade de regular normativamente os centros museísticos”. Así o dixo no debate final do texto, que foi aprobado no Pleno do Parlamento celebrado hoxe grazas ao PP malia o voto en contra do Grupo Socialista, que criticou a falla dun debate real no que “a negociación non foi posible” pola posición do PP.
Díaz explicou que o texto aprobado hoxe “non pretende clarificar, xestionar, organizar ninprotexer ao noso patrimonio museolóxico”, coa que o goberno galego “tan só quere sumar unha iniciativa legal dado o seu escaso traballo nestes anos”. Advertiu de que “o texto carece de contido e de clara vontade de regular normativamente os centros museísticos”, e mesmo “non proporciona unha maior protección ao patrimonio cultural” do que está desenvolvido a Lei anterior.
Sinala que a Lei “non regula absolutamente nada novo de calado que non sexa asegurar ese órgano de control dos centros museísticos como é o Consello de Centros Museísticos”. O goberno galego asegúrase así a dirección do Consello, pero “nin sequera asegura a presenza dalgunhas entidades ou institucións para nós esenciais como serían o Consello da Cultura Galega –CCG- ou a Fegamp”.
De feito, apunta que o “ninguneo” ao CCG resulta “un obstáculo insalvable” para os socialistas galegos nun texto elaborado con “clara falla de vontade de escoitar ás e aos profesoinais dos museos”, con apenas un encontro de toma de contacto que non se repetiu. Preguntou “onde está esa transparencia” na elaboración da Lei da que a Xunta se gababa cando “non existe ningún informe, ningún documento sobre esa xuntanza nin sobre o traballo dese grupo”.
Emendas
A responsable socialista afeoulle ao PP que só teñan aceptado as emendas de carácter técnico, que sinalaban erros ou correccións de redacción, apenas unha decena das 58 presentadas polo Grupo Socialista. Así, negáronse a aceptar as propostas socialistas para establecer a defensa e a promoción do patrimonio museístico de Galicia como dereito da cidadanía a acceder á cultura e á educación en condicións de igualdade”.
Tampouco permitiron, sinala, modificar a descrición de museo, que “para nós non é só unha institución dedicada á promoción e ao desenvolvemento cultural, senón que a súa existencia vén definida pola difusión da memoria cultural, a promoción da identidade e o desenvolvemento cultural e social”. Nin sequera admitiron clarificar a misión dos museos, cando “non é que non acepten que a misión primordial é a difusión da memoriia cultural, e que non formulan ningunha”.
Díaz censurou que “non concreten nin regulen aspectos primordiais, como a xestión dos museos, a xestión documental, o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación”, e “moito menos impulsa a promoción dos museos para facer deles verdadeiros elementos de difusión cultural e cohesión social”.