O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou hoxe que a “improvisación” demostrada pola Consellería de Educación lastrou a posta en marcha do programa experimental de Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que criticou a lentitude da Xunta á hora de publicar a resolución para convocar aos centros.
O goberno galego regulou “tarde, mal e arrastro” no curso pasado, publicando a convocatoria a 12 de xuño e deixando de facto sen tempo aos claustros para preparar a súa incorporación, co que ao final tan só solicitaron 16 centros e foron seleccionados 15, o 5,44 por cento. Este curso a situación foi semellante, xa que malia que adiantaron a publicación un mes –o 22 de maio- tan só se puideron adherir 16 novos centros.
Álvarez ironizou co feito de que aínda que é certo que o número de centros duplicouse, isto supón que tan só hai 31, en torno ao 10 por cento dos que poderían asumir esta modalidade, co que “segue sendo un número residual, pouco significativo”, revelando no mellor dos casos un “interese discreto”. Ademais, advertiu que 5 centros dos que se incorporaron este ano son totalmente privados, cunha representatividade moi superior á que en realidade teñen no mapa de ensino.
Sinalou que o modus operandi da Consellería, “froito da improvisación”, provoca que “ou hai centros preseleccionados ou en realidade carecen de tempo suficiente para valorar a súa participación neste proxecto educativo experimental”.