O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, advertiu hoxe de que a “deriva” sanitaria do goberno galego, que día a día “rectifica sobre si mesmo” provoca graves eivas na atención sanitaria sinaladamente á cidadanía de Ulla – Umia. O responsable socialista criticou o “sectarismo” demostrado polo PP ao vetar unha proposición non de Lei para mellorar os recursos materiais e humanos nos centros de saúde afectados.
Torrado denunciou que a Consellería de Sanidade está a demostrarse “totalmente sobrepasada e unicamente preocupada de saír ao paso e de botar balóns fora” mentres as carencias acumúlanse nos centros de saúde. No caso de Ulla – Umia, unha comarca afastada dos hospitais de referencia, o déficit de persoal é especialmente grave no caso dos médicos de familia en A Estrada e de Pediatría en Cuntis, Moraña ou Campo Lameiro.
Apuntou tamén á “xestión sectaria” das necesidades de infraestruturas na comarca, con exemplos como o da Estrada, onde deron a luz verde ao Centro de Saúde cando cambiou o goberno local. Mentres, en Caldas, onde se mantén un alcalde socialista, o goberno galego xa ten rexeitado ata cinco parcelas diferentes de entre as ofrecidas polo o Concello nos últimos 10 anos, e en Cuntis tardaron máis dun ano en recibir ao alcalde para realizar o traspaso da titularidade.
Proposta
Os socialistas reclamaron hoxe unha “canle de diálogo” co Concello de Caldas para acordar a parcela na que se poida construír, así como incluír os orzamentos necesarios para a construción do Centro de Saúde da Estrada. Ademais, solicitaban a cobertura das substitucións dos profesionais de atención primaria para cubrir as necesidades que demandan os centros de saúde e un plan de mellora de infraestruturas para garantir a calidade dos centros.