O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou hoxe a Feijóo a “desconxelar” a acción da Xunta logo de semanas “dentro do frigorífico por falla de proxecto, de iniciativa ou de capacidade”. Puxo como exemplo que no actual período de sesións o Consello da Xunta teña aprobado un total de 87 “informes” e ningún proxecto de Lei, fronte aos 12 presentados pola oposición.
Fernández Leiceaga apuntou ao recente impasse político do PP á espera a que Feijóo decidira se presentarse en Madrid ou non, no que o goberno galego estivo ausente da acción política. Sinalou que ademais das tribulacións do presidente, ten “varios conselleiros en stand-by, pendentes de destino, sumidos na melancolía e na parálise polo síndrome Hernández, resignados a presentar a candidatura como un sacrificio”.
Sinalou que mentres a economía acumula xa 10 trimestres consecutivos cun crecemento por enriba do 3 por cento, o emprego continúa á baixa, a precariedade segue sendo a norma, especialmente na sanidade pública. Resumiu que “a marxe de manobra das contas da Xunta non afecta positivamente ás condicións de vida da cidadanía ou á recuperación dos servizos públicos”.
O responsable socialista sinalou que “o proxecto era o axuste” e por iso despois da crise “falta proxecto máis alá da mera inercia”. Comparou a acción política do goberno galego coa actuación da selección española de fútbol no Mundial –ao tran-tran- e reclamou unha actuación “con dinamismo, estratexia e sentido táctico”.
Impulso lexislativo
Esta conxelación, dixo, leva a que “non enviaron ao Parlamento ningún dos 11 proxectos de Lei comprometidos”, entre os que citaron a Lei do Patrimonio Natural, do Emprego ou do Impulso Demográfico.
Mentres, explicou, deixan sen desenvolver as leis aprobadas, entre elas moitas apoiadas e mesmo impulsadas polos socialistas, como a Lei da CRTVG, e deixan sen levar á práctica a Lei de Igualdade de Trato, a Lei de Servizos Sociais ou o catálogo previsto na Lei de Espectáculos.
Reclamoulle ao presidente da Xunta que “pase da retórica á realidade, das meras frases ao cambio efectivo” e poña en marcha as leis aprobadas. Puntualizou que “agora que levamos varios anos de recuperación recupere o Plan Move, unha década despois, e poña en marcha progresivamente as infraestruturas prometidas”, como é o caso da VAC Costa Norte.
Apuntou ademais ao novo goberno encabezado por Pedro Sánchez como “unha oportunidade” e reivindicou “firmeza na defensa das reivindicacións de Galicia, consensuadas e dentro do marco legal”. Rematou confirmando o apoio ao presidente galego e ao presidente do Goberno na inminente xuntanza que manterán en Moncloa “para levar a cabo a axenda para Galicia”.