A parlamentaria socialista María Pierres presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle esixe á Xunta que asuma as súas obrigas e comece coas reparacións urxentes en tódolos centros educativos de Moaña. Advirte que a negativa do goberno galego a cumprir coas súas competencias provoca graves problemas estruturais que poñen en perigo o desenvolvemento da actividade educativa.
A responsable socialista lembra que malia que o Concello si que asumiu diversas actuacións para mellorar as instalacións e facelas accesibles, fíxose cargo ademais das tarefas de vixilancia, limpeza, mantemento e conservación das infraestruturas. Sen embargo o goberno galego negouse a recibir á alcaldesa para tratar sequera o posible cofinanciamento dalgunha actuación.
Hoxe en día, Moaña conta con unha escola infantil da Galiña Azul, dúas de educación infantil, sete colexios de educación infantil e primaria e dous institutos de educación secundaria. Entre as actuacións que lle reclaman á Xunta inclúen a substitución das placas de fibra de vidro do teito do CEIP Domaio, ou o acondicionamento do patio de Infantil e a substitución parcial do tellado e baixantes no CEIP A Guía.
No CEIP Reibón é necesario rematar a substitución de xanelas, adaptar a cociña e comedor á normativa sanitaria e a remodelación das aulas de Infantil. No CEIP Seara cumpre retirar a cuberta de uralita con amianto no patio cuberto, a actuación estrutural nas columnas do patio cuberto, substituír as persianas e as placas do teito de fibra de vidro.
O IES As Barxas require da insonorización da Aula de Música, mentres o IES a Paralaia precisa da ampliación de espazos para desenvolver a actividade educativa cotiá, e o EEI de Verducedo necesita da remodelación da cociña, mentres os muros de contención do EEI O Con presentan un perigoso abombamento que necesita do seu estudo e posible fortalecemento.
O goberno galego debe substituír ademais o tellado do CEIP Abelendo, así como a ampliación do edificio de Infantil e a remodelación do ximnasio do CEIP de Tirán. Finalmente, o CEIP Quintela necesita da ampliación do edificio de Infantil e a substitución de parte do seu tellado.