A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, lamentou hoxe que o goberno galego “siga o modelo medioambiental do ex conselleiro Agustín Hernández, quen hoxe foi denunciar a contaminación do Sar tirando lixo da beira ao centro do río”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión para reclamarlle á Xunta tributos disuasorios sobre actividades contaminantes.
Lamentou a “imaxe impactante pero nada exemplarizante” do portavoz do PP no Concello de Santiago, quen esta mañá “calzouse o uniforme estilo Feijóo para baixar á beira do Sar”, en alusión á imaxe do presidente galego cunha mangueira na vaga de lumes de 2006. Lamentou ademais que a denuncia do ex conselleiro de Medio Ambiente consistira en “recoller os desperdicios e lanzalos de novo ao río”.
Vilán presentou hoxe unha pregunta oral en Comisión para reclamarlle á Xunta que impoña tributos “sobre os custes medioambientais de actividades contaminantes”. Considera “delirante” a resposta do goberno galego, quen desbotou a idea de gravar o uso de bolsas de plástico porque “dixeron que eran un goberno que baixa impostos” e que agardarían á trasposición da normativa comunitaria, cando Andalucía a leva aplicando dende 2011.
A responsable socialista solicitoulle ao goberno galego que utilice a súa capacidade impositiva para “perseguir o uso destas bolsas de plástico” que teñen “unha vida útil de apenas 15 minutos e son facilmente substituíbles por sistemas reutilizables”. Sinala que “o 32 por cento de todo o plástico que utilizamos os seres humanos acaba na natureza”, enviando cada ano 8 millóns de toneladas de plástico a mares e océanos.
Aludiu así á información feita pública recentemente sobre a proposta da Comisión Europea de crear un imposto sobre o plástico dirixido a reducir o uso de envases deste material. Apuntou que “o certo é que deben ser aplicados o principio de quen contamina, paga a esa economía circular da que presume a Consellería de Medio Ambiente da Xunta”.