O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe a restitución das axudas da Xunta para a loita contra a Sida. O responsable socialista presentou unha batería de iniciativas con motivo do Día Internacional da loita contra esta enfermidade nas que alerta do financiamento insuficiente concedido polo goberno galego con este fin.
Torrado acusou ao goberno galego de “autoliberarse de responsabilidade cunha aportación minguante aos concellos, que deben asumir a obriga de executalo e velar polo cumprimento e o seguimento dos resultados”. Lembra que “durante os últimos 5 anos as políticas de recortes en prevención e a diminución de apoio e axudas aos colectivos e de afectados e de loita contra o VIH foron constantes dende os gobernos central e autonómico”.
Os socialistas galegos urxen ao goberno galego a “avaliar o impacto e eficacia ata o momento da oferta rutineira da proba do VIH prevista no Plan galego anti VIH/Sida e outras ETS 2015-18”. Reclaman tamén “implementar os recursos orzamentarios necesarios para o desenvolvemento real de plans de prevención, especialmente dirixidos aos colectivos en risco de contaxio”.
O parlamentario socialista esixe tamén a restitución das axudas públicas a entidades que asisten e apoian aos afectados e que traballan tamén no eido da prevención “ata os niveis de 2009”. Finalmente, propón “negociar coa Fegamp a revisión do programa de drogodependencias” e aumentar o seu investimento para garantir medios para contribuír ao obxectivo de reducir o número de contaxios”.