O deputado socialista Juan Díaz Villoslada presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que urxe a constituír un consorcio público que, coa presenza do Concello de A Coruña, “lidere a xestión do proxecto de transformación portuaria e urbanística” da cidade.
O responsable socialista insta ao presidente da Xunta a que “cese en calquera actuación institucional que non conte coa necesaria presenza do Concello de A Coruña”. Así o dixo logo do último encontro no que Feijóo, xunto co ministro de Fomento, o presidente de Portos do Estado e o da Autoridade Portuaria da cidade asinaron un protocolo para o desenvolvemento dos terreos portuarios.
Aquel documento foi asinado, advirte, “a pesar, como recoñece o Goberno galego, de non ter competencias directas sobre portos de interese xeral e sen contar co propio Concello de a Coruña”. Considera “rechamante e alarmante” esta actuación da Xunta, máxime cando “convida ás administracións locais a participar nunha decisión xa preconfigurada” e logo de ter o acordo asinado.
O responsable socialista propón por iso que a Xunta se dirixa ao Executivo central para activar con carácter urxente a Comisión de Seguimento prevista no convenio asinado o 2 de febreiro de 2004, que prevé a constitución do dito consorcio público que si daría cabida institucional ao Concello.
Advirte neste sentido que “os desencontros actuais entre administracións non só non contribúen a mellorar o posicionamento económico da cidade e do porto, senón que contribúen a un debate mal intencionado e interesado que trata de desacreditar unha infraestrutura necesaria, moderna e chamada a ser o motor económico do norte de Galicia, ao tempo que demora a transformación da fachada marítima da cidade”.