O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, instou hoxe á Xunta a impulsar un grupo lácteo galego “forte” que permita “garantir valor engadido para a produción” do sector, que supón hoxe máis dun terzo do total do Estado. Así o dixo no debate dunha pregunta oral á Xunta sobre as medidas previstas para defender aos produtores galegos.
O responsable socialista tomoulle a palabra ao presidente da Xunta, quen a finais de xaneiro sinalaba que o leite non debera saír de Galicia “sen valor engadido”. Advertiu da falla de iniciativa do Executivo diante dun problema que “non se tapa con anuncios de investimentos”, senón coa consolidación dun gran grupo que poida “asentar o valor engadido”.
Lembrou que Galicia produce hoxe o 40 por cento do total de leite do Estado, sendo a décima rexión produtora da UE, unha fortaleza que non se replica no sector industrial, xa que 7 de cada 10 litros son enviados fora de Galicia. Advertiu que a “gran capacidade produtiva” de Galicia, cun volume de negocio estimado en torno aos 8.840 millóns de euros, en realidade supón que “só 1.541 quedan en Galicia finalmente”.
Intermediarios
Ademais, o responsable socialista instou ao goberno galego a incrementar a súa implicación á hora de “poñer coto” aos intermediarios entre os produtores de leite e as empresas, que “inclúen negativamente nos prezos do leite”. Sinalou que “non é unha cuestión menor”, da que xa hai dous anos “se falaba deles pola urxencia para frear, regularizar e encauzar a estes manipuladores de prezos, que en última instancia carga sobre os propios gandeiros”.