Luis Álvarez denuncia que o Goberno empregue o programa de abandono escolar como “partida comodín” para “desviar fondos a gastos rutineiros”
O portavoz de educación socialista, Luis Álvarez, denunciou hoxe ante o pleno que a Xunta emprega o orzamento destinado a educación e para combater o abandono escolar “como partida colchón para desviar fondos a gastos rutineiros”. Así o dixo durante o debate dunha moción en Pleno para reclamar a execución do orzamento par a prevención do abandono, que foi vetada polo PP.
O responsable socialista reivindicou que o Goberno debería executar a totalidade do orzamento disposto no programa 423B Prevención de abandono escolar en lugar de deixar eses fondos para “desvialos a outras partidas”.
Álvarez cuestionou que o goberno galego “prescindira de 6,5 millóns de euros porque segundo vostedes non hai necesidades” nun contexto de falla de profesorado e numerosos alumnos que requiren de atención específica “sen atender”.
Explicou que en 2017 orzamentaran orixinalmente 19,7 millóns de euros desta partida, dos que ao longo do ano detraeron 6,5 a través dunha modificación orzamentaria que diminuíu este programa nun 32%. Sinalou tamén o chamativo de que para este ano 2018 case duplican o seu orzamento para incrementalo ata os 24 millóns de euros.
O parlamentario socialista puxo de manifesto, do mesmo xeito, que “isto pódese explicar porque a Consellería pretende empregalo para facer publicidade, en lugar de política efectiva”.