O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “comportarse como un trilero de feira” ao anunciar en novembro que Vilaxoán sería o lugar idóneo para acoller ao Laboratorio Comunitario de Control Bacteriolóxico de Bivalvos. O que non dixo daquela foi que en maio a UE comunicara que xa en maio que o laboratorio sería suprimido.
Torrado acusou ao presidente da Xunta de “intentar mentir para gañar un puñado de titulares, por unha visión pateticamente curtopracista” coa conclusión dun “ridículo espantoso” do goberno galego. O responsable socialista presentará unha batería de iniciativas parlamentarias “para esixir que expliquen os motivos polos que mentiron, quen é o responsable e reclamar que depuren responsabilidades políticas”.
Cualificou de “moi grave” esta situación, xa que “ao decidir ocultar a información e optar pola opacidade nos fixeron perder a todos e todas a posibilidade de traer un laboratorio de referencia para o que Galicia está sobradamente preparada”. Lembra que a UE comunicou formalmente esta decisión o pasado 17 de maio, “ante o que España, que asinou o documento, nin sequera presionou para manter o laboratorio”.
Julio Torrado lembra que a pesares desta comunicación, o 11 de xullo a conselleira respondía a unha pregunta oral afirmando que o goberno traballaba na candidatura de Galicia e exhortando a “non facer debate político”. A continuación, o 10 de outubro era aprobada de forma unánime unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para presentar a Galicia como “a mellor candidatura” para o laboratorio.
A continuación, o 25 de novembro, tiña lugar a citada visita de Feijóo ao Intecmar de Vilaxoán, onde avalaría a candidatura para o laboratorio, que supostamente tería que ser trasladado como consecuencia do Brexit –hoxe atópase na localidade británica de Weymouth-.