A deputada socialista Noela Blanco criticou hoxe o “cosmopaletismo” demostrado polo goberno galego coas obras de ampliación do Centro Hospitalario Universitario de Ourense –CHUOU-. Na sesión de control ao conselleiro, criticou que fixeran un centro “de deseño” con wifi e terraza na azotea pero mantendo un déficit estrutural de 120 camas.
A responsable socialista esixiulle ao conselleiro de Sanidade que se reúna cos representantes do Comité de Centro, que estiveron 7 días pechados no hall do centro para reclamar un encontro cos responsables do Sergas. Lamentou que “non recibiron unha soa chamada nin de vostede, nin da delegada provincial da Xunta, nin da Deputación nin do Concello de Ourense”.
Fixo un relatorio da situación caótica da sanidade ourensá neste centro, que foi reformado cun ano e medio de retraso, mantendo unha folga de limpeza e mantemento e problemas nas unidades de Psiquiatría e de Coidados Paliativos. Ademais, sinalou, abriu con 41 camas por unidade pero con recursos para só 36, provocando o sobreesforzo do persoal e a redución da calidade do servizo.
Acusou ao goberno galego de castigar a sanidade ourensá, que está a padecer a saturación dos servizos de Urxencias, listas de agarda inasumibles en Atención Primaria, a falta de camas derivadas do peche de Piñor e que aínda carece dos servizos de hemodinámica 24 horas e cirurxía pediátrica 24 horas.