A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, presentou hoxe unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que abra expediente sancionador á familia Franco logo da posta á venda do Pazo de Meirás incumprindo a Lei de Patrimonio. Sinalou que “é momento de poñerlle remedio á anomalía democrática de que a familia do ditador queira facer caixa cun botín de guerra”.
Explicou que a familia ten incumprido de novo a Lei de Patrimonio, que no seu artigo 49 obriga a comunicar a posta á venda de calquera monumento amparado baixo a figura do Ben de Interese Cultural –BIC-. Dirixiuse ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Cultura para urxirlles a “tomar dunha vez cartas no asunto” logo de que Román Rodríguez cualificara de “cortina de fume” a venda do inmoble que “todos víamos agás o conselleiro”.
Reclamou unha estratexia dirixida a frear a venda do inmoble “antes de que se faga a venda” e de que “organicen unha defensa en condicións, vaian aos tribunais e que as torres de Meirás poida pasar a uso público”.
Repulsa pública
Esixiulles a Feijóo e ao conselleiro Rodríguez “que manifesten publicamente a súa repulsa pola actitude dos Franco de saltarse a legalidade e do seu desprezo e provocación á cidadanía” para rematar coa que “semella unha estratexia para amparar aos Franco e beneficiar á familia do ditador dilatando o proceso”.
Burgo sinalou que o último informe xurídico posto enriba da mesa pola Deputación de A Coruña, así como as conclusións que presentará a Comisión constituída polo goberno galego, apuntan a que hai vías para recuperar un ben declarado BIC para o patrimonio público.