O deputado socialista José Antonio Quiroga acusou hoxe ao goberno galego de ter excluído á cidadanía no proceso de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que sinalou a importancia de trasladar información á cidadanía como “elemento clave para transformar á poboación afectada en axente activo”.
O responsable socialista criticou que o goberno galego teña obviado o papel dos habitantes dunha zona que abarca 113 quilómetros cadrados, diante do risco de que “unha poboación escéptica é a mellor tarxeta de presentación para non acadar os obxectivos” da declaración BIC.
Quiroga Díaz trasladou as demandas da maior parte da poboación afectada pola zonificación da Ribeira Sacra para poder ser declarada patrimonio da humanidade. Así, reclamou a ampliación dos prazos de alegacións contra a Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 29-12-2017, “para que os veciños e veciñas poidan participar” do proceso.
Sinalou que a declaración como Patrimonio da Humanidade “traería un aumento da demanda turística, axudaría a mellorar a economía e os investimentos en Galicia e combatería problemas coma o despoboamento nas zonas do interior”. Deste xeito, “esa revitalización económica traduciríase en revitalización social, supoñendo unha oportunidade para reforzar o patrimonio material e inmaterial e paisaxístico”.
Quiroga Díaz sinala que “a Ribeira Sacra é un territorio vivo, dinámico e poboado” e “pese á importancia de ser declarada Patrimonio da Humanidade, hai unha falta de información entre as xentes que conforman o territorio”. Isto “implica menor participación na evolución deste proceso e menor concienciación”.