A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, denuncia que o Regulamento de estradas da Xunta “é contrario á Lei de Estradas e dana os intereses e a igualdade da poboación galega”. Pierres presentou unha moción no Parlamento para substanciar a interpelación do pasado Pleno solicitando a modificación do devandito Regulamento e a anulación do artigo 137.
O Grupo Socialista insta á Xunta a anular o mencionado artigo 137 e modificar o Regulamento de xeito que se favoreza a emisión de informes por parte da Xunta que valoren a procedencia das parcelacións ou segregacións de parcelas lindeiras coas estradas autonómicas e provinciais, aínda que o acceso rodado a todas as novas parcelas xeradas non poida resolverse a través de vías estatais ou municipais.
Así mesmo, se baseará en criterios reais de seguridade viaria, intensidade de tráfico, funcionalidade e explotación da estrada en cada caso.
A deputada María Pierres demanda que “o Regulamento de desenvolvemento non está a ser concorde ca Lei aprobada e vén a supor unha modificación da propia Lei”. A socialista denuncia que “temos constancia en diferentes concellos de parcelacións non autorizadas polos titulares de estradas non municipais, ante a imposibilidade de acceder a estas parcelas por vías alternativas”.
María Pierres sinala que “é unha situación exemplo das disfuncións ou discordancias das leis”. Achaca que “coa Lei de estradas se evidenciou que o regulamento da Consellería pasouse, literalmente, de freada”, afirmando que “estamos ante un problema silencioso e que moitos aínda non coñecen a medida que lles afecta, non podendo facer uso do aproveitamento das súas parcelas”.
Do mesmo xeito, o Grupo Socialista reclama o que cualifica como “unha disfunción do Regulamento”. É por iso polo que María Pierres pide ao Goberno que “respecte as competencias municipais e non as bote por terra”, de maneira que o Regulamento de estradas sexa “congruente e respectuoso coa normativa legal”.
Parcelas lindeiras
Pierres recalca que “existe unha prohibición que afecta a parcelas lindeiras con estradas provinciais e autonómicas, sexa cal sexa a clasificación do solo no que se atopen”. Do mesmo xeito, apunta que “a Lei di que administración titular poderá limitar e ordenar os accesos ás estradas e os lugares en que tales accesos se poden construír”.
Sinala que o Regulamento “vai máis aló, no artigo 137 di que as parcelacións e segregacións de parcelas lindeiras só se poderá autorizar cando o acceso rodado de todas as novas parcelas xeradas se resolva a través doutras vías distintas das estradas”.
A socialista cualifica que o devandito artigo 137 “aplica unha tábula rasa para toda Galicia, sen ter en conta o artigo 52 da Lei, que é aplicar criterios de intensidade, funcionalidade, seguridade ou funcionalidade da estrada, para restrinxir os accesos”, e que debería estar ligada ás particularidades de cada zona. Afirma que “non se están a aplicar eses criterios que xustifiquen esta decisión” e “se consideran as mesmas condicións de estradas cando moitas non teñen nada de parecido”.