A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou hoxe ao goberno galego de dispensar ás igrexas de Ourense, Mondoñedo e Tui de cumprir coa Lei de Patrimonio. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión sobre a tolerancia do goberno galego cos responsables destes monumentos, que cobran sempre ás visitas.
Burgo criticou a compracencia do goberno galego, que hoxe defendeu que a Igrexa cobrara entrada, e lembrou que as tres son declaradas Ben de Interese Cultural, e como tales están obrigadas a abrir ao público de forma gratuíta 4 días á semana durante a lo menos 4 horas ininterrompidas cada día. Instou ao goberno galego a participar na Comisión Xunta – Igrexa que hoxe anunciaron para obrigarlle á Igrexa a cumprir coa Lei.
Ningún destes monumentos cumpre con esta obriga, xa sexa cobrando entrada ou obrigando ao pago por un servizo a maiores como o caso de audioguías, sen o cal non está permitido o paso ao público, e só teñen acceso libre nas cerimonias relixiosas, un momento “inadecuado para unha visita cultural”.
A responsable socialista lembrou que o goberno galego “intentou por tódolos medios non obrigar aos Franco a abrir Meirás, e agora obran da mesma maneira coa Igrexa”, e apuntou a “algunha razón que non queren dicir” para eximilos desta obriga. Apuntou que “poden cobrar polos servizos dunha guía”, así como pola visita ás zonas museísticas ou por servizos adicionais, pero non pola entrada ao monumento.
Axudas públicas
Criticou a tolerancia do goberno galego con esta práctica ilegal cando as ditas catedrais son obxecto de axudas públicas para a súa rehabilitación, xa que Mondoñedo e Ourense recibirán un millón de euros cada unha durante os próximos dous anos, e medio millón no caso de Tui. Burgo lembrou que os orzamentos para Protección do Patrimonio do goberno galego ascenden a 3 millóns de euros en total.
Concepción Burgo defendeu axudar ao mantemento e rehabilitación dos monumentos relixiosos, “como tamén no caso do patrimonio civil”, pero lembrou que “teñen unha lei que cumprir, igual que todos”.