Un mal chiste. Así cualificou hoxe a portavoz de Pesca do Grupo Socialista a xestión dos recursos de Salvamento Marítimo por parte do goberno galego. Loli Toja presentou unha pregunta en Comisión na que reclamou “responsabilidades políticas” por ter contratado o servizo de salvamento a unha empresa que utiliza os dous mesmos helicópteros vendidos polo goberno en 2012 por obsoletos.
Toja resumiu que “é coma se vendo un coche porque non serve para as estradas galegas e despois alugo o servizo á mesma empresa á que llelo vendín e ponme o mesmo vehículo que vendera porque non me servía”. Así sucedeu cos dous helicópteros que a Consellería de Pesca adquiriu en 2005 polo goberno do PP por 27 millóns de euros e foron vendidos en 2012 por 13 millóns de euros argumentando que estaban obsoletos.
A realidade é que a empresa concesionaria está a prestar hoxe o mesmo servizo que antes asumía a Xunta con exactamente as dúas mesmas aeronaves vendidas pola Xunta por obsoletas. A diferenza, dixo, é que ademais de telas malvendido pola metade do que custaran na súa orixe, agora o goberno galego está pagando 8,5 millóns de euros anuais polo seu mantemento, cando antes pagaba 7,5.
Advertiu que daquela o goberno galego xustificara a venda porque “evitaba o monopolio e a obsolescencia”, pero “ao final estamos en mans dunha única empresa e utilizando para o salvamento aeronaves 6 anos máis antigas”.
Toja lembrou que ata o mesmo Consello de Contas alertou do incumprimento dos trámites nun proceso de venda excepcional sen seguir os trámites legais que a responsable socialista cualificou de “ruína para os galegos e galegas pero un auténtico choio para a empresa concesionaria”.
Reclamou que o goberno galego asuma “responsabilidades políticas pola xestión neglixente”, pola súa “incapacidade constatada” e por “poñer os intereses privados por riba dos públicos, xogando coa seguridade dos traballadores do mar”.