O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, puxo hoxe o foco sobre as graves consecuencias dos recortes no servizo de Pediatría de Bergantiños e a negativa do goberno galego a cubrir as baixas de vacacións destes profesionais. Fernández Leiceaga encabezou a visita dunha delegación do Grupo Socialista a Carballo para coñecer de primeira man esta situación e manter a continuación un encontro con representantes dos empresarios.
Fernández Leiceaga anunciou unha ofensiva parlamentaria para dar unha chamada de atención sobre as graves consecuencias da xestión do goberno galego, que ten cruzado “tódalas liñas vermellas” con este servizo. Criticou que os recortes “superan todo o racional” no caso de Carballo, onde este verán poden acumularse ata 2.000 pacientes pediátricos por médico.
O responsable socialista explicou que, debido ás vacacións de verán, o Centro de Saúde de Carballo terá que atender ademais aos rapaces de Coristanco, Malpica e Zas, nun centro que terá dous pediatras menos no verán, dos que só será substituído un deles. Así, poderán chegar a duplicar a ratio recomendada de 1.000 pacientes por cada médico.
Leiceaga recolleu hoxe as demandas dos afectados pola falla de persoal no servizo de Pediatría nun encontro no que participaron, ademais dos representantes socialistas de Carballo, o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, a representante do Grupo na comarca, Loli Toja, e os deputados e deputadas de A Coruña.
Anunciou que o Grupo Socialista presentará no Pleno do Parlamento que comeza o próximo martes unha interpelación ao conselleiro de Sanidade precisamente sobre a situación da atención pediátrica no verán, no que tratarán ademais o tema específico de Bergantiños.
Empresarios
A continuación mantiveron un encontro cunha ampla representación de empresarios da zona de Bergantiños, que analizaron as repercusións para a comarca da falla de comunicacións polo sur, pendente da execución da Variante proxectada en 2009 e que permanece paralizada polo goberno de Feijóo.
Tamén estudaron a falla de solo industrial, que xunto coas trabas administrativas para poñer en marcha empresas e a falla de incentivos do goberno galego, provoca unha “tormenta perfecta” para impedir o desenvolvemento de proxectos empresariais na comarca.