A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou hoxe ao goberno galego de boicotear a aplicación da Renda de Integración Social de Galicia –Risga- ao paralizar o seu decreto de desenvolvemento durante 3 anos e medio. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Inclusión Social do goberno galego, que se produciu hoxe no Parlamento.
Acucou ao goberno galego de reducir a Axenda Social de Galicia a “un acto propagandístico ás portas das eleccións autonómicas para lavar a cara”. Sinalou que utilizaron a presentación daquela con fins espurios o sentido institucional da Fegamp para intentar mellorar a coordinación dos concellos e das entidades de iniciativa social honestamente preocupadas pola situación de emerxencia social que había e hai en Galicia”.
O retraso no decreto de desenvolvemento da Risga, a falla de respaldo do goberno galego aos traballadores e traballadoras precarios, a falla de política de vivenda de promoción pública ou mesmo a redución das medidas contra a pobreza enerxética demostran que o goberno galego “en lugar de impulsar a Axenda Social, o que quixo facer foi lastrala”.
Blanco esixiulle á Xunta que explique “por que se retrasou a elaboración do decreto de desenvolvemento da Risga máis de tres anos respecto do que concreta a propia Lei de Inclusión Social, que establecía un prazo de seis meses dende súa aprobación no 2013”.
Sinalou que con este retraso deliberado “produciuse unha desprotección total dos potenciais beneficiarios da Renda, dificultando mesmo a aplicación das axudas nas diferentes áreas territoriais e prolongando erros de coordinación e dificultades burocráticas”.
Apuntou á urxencia destas axudas nun contexto social no que “hai cidadás ás que non lles permiten compatibilizar os traballos coas axudas” e lembrou aos 127.000 traballadores e traballadoras de Galicia dentro do limiar de pobreza a pesares de ter emprego. Advertiu “un 23 por cento dos traballadores pobres teñen estudos universitarios –Fedea-, co que nin con formación poden escapar da precariedade”.
Advertiu que “a Risga non está a ser capaz de dar resposta a estes novos perfiles de pobreza”, e afondou no problema da cidadanía en materia de aloxamento. Sentenciou que “o complemento de aluguer previsto no Iprem é tan só de 50 euros mensuais”.
Fenda salarial
Ademais, explicou que a fenda salarial entre homes e mulleres disparouse en Galicia, cobrando un 30 por cento menos de media as mulleres. Os datos entre os mozos menores de 20 anos, dixo, tamén diminuíron un 4,6 por cento os seus ingresos respecto ao ano pasado.
A deputada socialista denunciou ao goberno galego por “favorecer” aos concellos do PP no reparto das axudas e criticou que queiran impoñer o “modelo Ourense, que reduciu a cero o orzamento en axudas sociais”.