A portavoz de Política Territorial do Grupo Socialista, María Pierres, acusou hoxe ao goberno galego de “alimentar a traxedia territorial” de Galicia ao abdicar da dirección política na ordenación do territorio. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Política Territorial diante do Pleno do Parlamento, á que responsabilizou do “abandono” e do desenvolvemento “arrítmico”.
Pierres apuntou ao goberno do PP como máximo responsable da cultura do “ti vai facendo” e do feísmo de Galicia, das “moitas actuacións urbanísticas permitidas polos seus alcaldes e alcaldesas e amparadas pola Xunta de Galicia”. Resumiu que “un goberno que sanciona as consecuencias e non atalla as causas é un goberno que adoece de falla de dirección política”.
Sinalou así á falla de dirección na ordenación do territorio, a ineficacia na protección da paisaxe e do patrimonio, o desenvolvemento caótico do solo industrial sen comunicacións nin equipamentos, as reiteradas agresións ao litoral –con exemplos como Sanxenxo ou Barreiros-, o abandono do rural ou mesmo o desinterese no impacto da ordenación na política forestal.
Puxo en dúbida a eficacia das ferramentas que presentou hoxe a conselleira, como a Colección Paisaxe Galega, que tildou de “colección de cromos” polo seu carácter “practicamente contemplativo e incluso decorativo” e nula relevancia.
Ademais, lamentou que o presidente da Xunta tardara nove anos en anunciar accións como o Plan de Seguimento dos obxectivos de calidade paisaxística, a constitución das Mesas da Paisaxe, a aprobación das directrices da paisaxe ou desenvolvemento regulamentario da Lei de Protección da Paisaxe.
DOT
A responsable socialista reclamoulle á conselleira que “poña a súa atención na tramitación dunha nova Lei de Ordenación do Territorio que dea sentido ás Directrices de Ordenación do Territorio e que permita establecer a planificación a escala local”. Urxiu a aprobar unha nova norma que supere á actual, aprobada hai 22 anos, para adaptala ás DOT aprobadas en 2011, “sen o consenso preciso e adoecendo de vaguidade e falta de aplicación”.
Estas Directrices, lembrou, “viñan acompañadas dun Plan de Comisión de Seguimento, que en 7 anos só emitiu tres informes, o último dos cales, publicado en decembro de 2016, nin sequera conta con valores en moitos dos indicadores analizados”. Advertiu que este desinterese evidénciase en que “a día de hoxe na ordenación do territorio nin se vislumbra a batuta nin se coñece a partitura que se quere interpretar”.