O responsable de Transporte do Grupo Socialista, Raúl Fernández, advertiu hoxe que a Xunta leva dende 2013 sen actualizar o pago do IPC ás empresas concesionarias adxudicatarias de transporte escolar. Isto supón, sinala, unha débeda acumulada de máis de 20 millóns de euros para estas empresas nunha práctica de dubidosa legalidade que pode poñer en perigo o equilibro financeiro das empresas e que contradí o “pronto pago a provedores” que “vende” a Xunta.
O responsable socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle solicita información á Xunta e insta ao Consello de Contas a que emita un ditame sobre a situación do transporte escolar e das contías debidas, ademais da realización dun ditame sobre a normativa que permite os aprazamentos do pago das actualizacións.
Sinala que, malia que o IPC galego si que foi actualizado para o pago dos contratos do transporte escolar nos anos 2011 e 2012, a Xunta de Galicia deixou de facelo dende o ano 2013 ata o actual exercicio de 2018. Así, o goberno galego incluíu en todos estes exercicios, nos que os servizos de transporte escolar foron prorrogados, a través das sucesivas leis orzamentarias, unha disposición adicional adiando as actualizacións, en principio ata o ano 2017.
Sen embargo, cando chegou aquel exercicio o pago foi adiado de novo, ata que na Lei dos Orzamentos de 2018 sinala que as cantidades pendentes serán pagadas nos anos 2019 e 2020. Fernández apunta a “dubidosa legalidade” desta decisión, xa que “difire o pago coas cantidades xa debidas pola prestación destes servizos, prescinde do procedemento xeral establecido e modifica unilateralmente as condicións acordadas”.
Débeda cuantiosa
Ademais, advirte que a débeda acumulada “vai sendo máis avultada e cuantiosa cada ano que pasa” e, tendo en conta que resultará previsible a aplicación dos correspondentes intereses de demora, “nos leva a unha contía pendente que ascenderá a máis de 20 millóns de euros”. Lembra que o gasto anual en transporte escolar “supera os 115 millóns de euros ao ano”, de acordo coa execución orzamentaria da Xunta para 2017.