Xurxo Doval non escatimou críticas: “Levamos 14 anos cun goberno do PP que nin fai nin deixa facer. Cando falamos de vivenda, estamos a falar de oportunidades de vida para a mocidade, e o que fai o PP é poñerlle un tapón a esas oportunidades”
O Secretario Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, cargou hoxe duramente contra o goberno do PP na Xunta de Galicia, acusándoos de estar “a xogar coa xuventude galega” en materia de vivenda. Nunha rolda de prensa, Doval puxo o foco na falta de execución das axudas de alugueiro para mozos e mozas, ao tempo que criticou a presentación fragmentada dos orzamentos da Xunta, “como se fosen anuncios de televisión, sen ningún tipo de transparencia nin respecto polos galegos.”
Doval non escatimou críticas: “Levamos 14 anos cun goberno do PP que nin fai nin deixa facer. Cando falamos de vivenda, estamos a falar de oportunidades de vida para a mocidade, e o que fai o PP é poñerlle un tapón a esas oportunidades”, sentenciou. Lembrou que desde 2018 o Goberno de España transferiu case 500 millóns de euros a Galicia para políticas de vivenda, pero a Xunta, en vez de usalos para facilitar o acceso á vivenda, “atrasou o proceso e, en plena crise, manda mensaxes de móbil dicindo que xa non hai cartos para axudas”.
Críticas á opacidade nos orzamentos da Xunta
Doval foi especialmente contundente coa forma en que a Xunta está a manexar a presentación dos orzamentos. “Non só temos unha Xunta que non resolve as
axudas de vivenda, senón que agora, a menos de dous meses de rematar o ano, están a presentar os orzamentos por fascículos, como quen vende unha telenovela. Non saben como xestionar a súa propia incompetencia e póñense a facer propaganda cos cartos de todos”, denunciou.
Para Doval, esta actitude do goberno galego “é un insulto á cidadanía e, especialmente, á xuventude que quere emanciparse. O que non pode facer o PP é presentarse como salvadores cando en 14 anos só construíron 21 vivendas de protección oficial. Mentres o Goberno de España está a impulsar a construción de 180.000 vivendas, das que 1.400 serán en Galicia, a Xunta do PP limítase a bloquear e atrasar todo”.
Exixe un cambio inmediato de rumbo
O líder das Xuventudes Socialistas esixiu un cambio inmediato na política de vivenda da Xunta e reclamou que se execute de inmediato a nova partida do bono de alugueiro sen a burocracia “intencionadamente absurda” que impoñen. “Non queremos anuncios baleiros nin máis trabas. Queremos solucións reais para a xuventude galega. É hora de que o PP deixe de poñer paus nas rodas e comece a traballar de verdade pola vivenda en Galicia.”
Doval rematou facendo un chamamento á Xunta para que “deixe de boicotear as medidas do Goberno de España” e que se implique dunha vez en garantir o acceso á vivenda, recordando que esta é unha competencia autonómica. “Se a Xunta non é capaz de xestionar os fondos transferidos, que se aparten e deixen traballar aos que si queremos que Galicia avance”, concluíu