O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, criticou hoxe a resposta “caótica” e “ineficaz” da Xunta fronte á praga da couza guatemalteca que afecta ás plantacións de pataca de 33 concellos principalmente de Ferrolterra e A Mariña luguesa. No debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, advertiu que malia ás medidas adoptadas polo goberno galego, a praga continúa avanzando polos concellos galegos.
Advertiu así os casos do concello de Cariño, que pasou de ser zona “tampón” a estar directamente afectada pola praga, ou o de Muxía, afastado por máis de 100 quilómetros dos outros 32 concellos afectados e que vén de ser invadido por esta polilla. Criticou a resposta da conselleira, que “nin está nin se lle espera” por concellos como o da Costa da Morte.
Pérez Seco alertou da execución “caótica” da Resolución que regulaba os prazos para a declaración de existencias e de superficie sementada en zona infestada, publicada o pasado 6 de abril. Puntualizou que “estamos a falar de millóns de quilos de pataca e de milleiros de afectados máis alá dos 33 concellos, e que non están tranquilos polo discorrer dos acontecementos”.
Apelou á responsabilidade da conselleira fronte a unha praga que “non está sendo controlada e non están a conseguir parala mentres aumenta a preocupación nas zonas limítrofes ás afectadas”.