O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, visitou hoxe O Carballiño en compañía do alcalde, Francisco Fumega, dende onde puxo en valor o traballo levado adiante polo goberno local durante a crise da covid “tomando decisións de enorme calado cunha importante cantidade de fondos para ter unha recuperación xusta” para a cidadanía.
Ademais, Gonzalo Caballero asegurou que un goberno progresista á fronte da Xunta “cumprirá” con esta vila, atendendo “todo o que o PP de Feijóo non fai” para “dar progreso ao Carballiño”.
En paralelo, o líder dos socialistas galegos indicou que está percorrendo Galicia para reivindicar a importancia dun goberno progresista na comunidade, en liña cos gobernos locais que teñen máis da metade dos galegos e co goberno de España.
“Tamén queremos na Xunta un goberno que traballe para que ninguén quede atrás”, destacou Gonzalo Caballero, quen apelou á importancia de traballar por unha reconstrución que se aposte polos servizos públicos e pola creación de emprego.
Pola súa banda, o alcalde, Francisco Fumega, augurou que Gonzalo Caballero será o vindeiro presidente da Xunta e asegurou que sería “o mellor para O Carballiño” por tratarse dunha “persoa preparada” e “en sintonía” coas políticas locais progresistas.