A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou ao PP de impedir un acordo contra os partidos que fomentan e apoian a aporofobia. A responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento para “rexeitar de maneira clara os pactos con forzas políticas que fomenten o racismo, a xenofobia e a aporofobia, e que contribúan a estigmatización e criminalización dos menores estranxeiros non acompañados”, que foi rexeitada polo PP.
Blanco acusou ao PP de ir “do ganchete dos xenófobos, racistas, e dos que atacan aos nenos e nenas máis desamparados” ao vetar esta proposta. Considera “inadmisible” que “nunha sociedade democrática coma a nosa teñan cabida o odio ás persoas pobres, como aínda o é menos que líderes políticos se avalancen ás portas dos centros de menores estranxeiros non acompañados para insultalos e denigralos”.
A responsable socialista criticou que “non é que o PP tontee coa estrema dereita, é que directamente déitanse con ela en Andalucía, Murcia e Madrid”, en alusión aos acordos de goberno con aquel partido a raíz das pasadas eleccións autonómicas, e apuntou que en Galicia “farán o mesmo se lles dan os números”.
Lembrou que o goberno de Pedro Sánchez foi o primeiro da historia que colaborou coas comunidades autónomas para destinar 40 millóns de euros para loitar contra a pobreza infantil, dos que Galicia percibiu 426.063,4 euros. Replicoulle ao PP que “leccións ningunha” neste asunto, cando Galicia ten menos menores non acompañados baixo tutela que outras autonomías do norte como Cantabria, Navarra ou Euskadi.
A responsable socialista reclamou “máis recursos para combater o fallo multiorgánico que hai na Xunta de Galicia para loitar contra a pobreza”. Reclamou un “novo deseño de políticas públicas” destinado a loitar contra a pobreza multinivel involucrando ás distintas consellerías “onde emprego digno, acceso á vivenda e axudas directas efectivas ante situacións de emerxencia social deixen de ser unha utopía e comecen a ser unha realidade”.
Blanco sinalou que en Galicia “no ano 2018 hai 128.000 persoas que viven con ingresos inferiores aos 370 euros ao mes, 34.000 máis que no ano 2008”. Ademais, continúan “aumentando de forma rechamante o número de persoas en exclusión severa”, e case 300.000 galegos e galegas están en risco de caer na exclusión coa desaceleración económica.
Apuntou á precariedade laboral e o desemprego como un dos factores fundamentais desta situación de necesidade, polo que propuxo o fomento da contratación indefinida, un plan de control contra os abusos laborais e a posta en marcha dun “Plan Galego de Dinamización e apoio ás Persoas Traballadoras Autónomas, no que se incorpore un Plan Galego de Relevo Xeracional”.
Vivenda
Blanco recriminoulle á Xunta a falta de vivenda pública a pesares do aumento da demanda, “nun ano a Xunta de Galicia fixo 8 vivendas públicas, cando a demanda incrementábase a razón de 2.500 solicitantes por ano”. Por iso reclamou “duplicar o parque da vivenda a 5 anos vista, tal e como foi aprobado na Cámara galega hai un ano”, incluíndo unha bolsa de vivenda en aluguer para colectivos vulnerables, como contempla o Plan Estatal de Vivenda.
A deputada socialista lembrou a existencia do “Housing First”, unha metodoloxía para rematar co senfogarismo pero que precisa dun maior investimento. Galicia atópase na cola no relativo a loitar contra a pobreza polo que se pide “un novo deseño de políticas públicas” que involucre ao conxunto das Consellerías. Blanco recalcou que é necesario contar con “a lo menos 20 vivendas antes de que remate a lexislatura”.
Proposta
Posta en marcha dunha “verdadeira estratexia de loita contra a desigualdade, a pobreza e a exclusión social”, que inclúa un programa de avance cara a un Ingreso Mínimo Vital compatible co salario. Tamén reclamou a mellora da rede escolar infantil pública de 0 a 3 anos convertelas nun “dereito subxectivo e universal”, como medida fundamental de conciliación que avance cara á gratuidade deste servizo.
Ademais, propuxo unha estratexia de loita contra o desemprego que dea prioridade aos colectivos máis desfavorecidos, como son xóvenes, parados de longa duración e desemprego feminino, incentivando a contratación indefinida, o impulso dun plan de control contra os abusos laborais e un Plan Galego de Dinamización e Apoio aos traballadores autónomos.
Finalmente, reclamou unha nova política de vivenda comprometida co incremento do orzamento para a consolidación dun parque de vivenda pública e a atención a tódalas demandas de axudas de vivenda en aluguer para colectivos vulnerables, complementando aquelas liñas de axuda que contempla o plan estatal de vivenda.