Luís Manuel Álvarez Martínez, deputado socialista, presentou en Comisión unha proposición non de Lei para reclamar a transferencia á Comunidade Autónoma das estradas AC-533 e a EP-8001 e da Ponte de Catoira que unen esta localidade con Rianxo. Álvarez Martínez lamentou o veto do PP a esta iniciativa que permitiría xestionar unha infraestrutura que “vertebra a comunicación viaria da provincia”.
O responsable socialista sinalou a necesidade de que a Xunta xestione estas vías, por canto “a elevada densidade de tráfico está a producir deterioracións nas infraestruturas” e, polo tanto, que “a transferencia suporía unha mellora no mantemento”.
Álvarez Martínez tamén explicou que as dúas estradas e a ponte conforman na práctica “unha única vía de conexión interprovincial” que sendo un “eixo vertebrador” cunha “gran densidade de tráfico”, é xestionada na actualidade polas Deputacións de A Coruña e Pontevedra.
O deputado socialista advertiu que a ponte “presenta de novo moitos problemas en distintos aspectos, como o asfalto, as xuntas de dilatación ou a iluminación”, polo que considera que a competencia debería ser asumida pola Xunta para manter en boas condicións a “vía de conexión interprovincial” pola que pasa “tanto tráfico lixeiro como pesado”.
Argumenta, polo tanto, que a autoestrada “debería formar parte da Rede de Estradas Autonómicas, pola importancia que esta ten para as provincias”. Álvarez Martínez tamén explicou que xa houberon contactos de cara a transferencia, pero que estas foron “de carácter técnico”, e polo tanto, “o que pretendemos con esta proposición é darlle o impulso político para que a transferencia se produza sen quedarse no trámite técnico”.