O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, amosou hoxe o apoio do socialistas galegos á regulación da reversión ao sector público das explotacións hidroeléctricas, a piques de caducar. Os socialistas galegos apoiaron a Proposición de Lei de Iniciativa Lexislativa Popular neste sentido presentada hoxe no Pleno do Parlamento e que sen embargo foi rexeitada polo voto en contra do PP.
Álvarez apoiou o texto da Proposición de Lei presentada hoxe por canto vai dirixido a favorecer a xestión pública e directa dos aproveitamentos, compatibles cos plans hidrolóxicos vixentes, e busca a modificación da Lei de Augas estatal. Considera “pertinente” que o Ministerio de Transición Ecolóxica “traballe para dotar de directrices claras ao procedemento de explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos”.
Resumiu que a enerxía hidroeléctrica “xérase a partir dun ben público, e rematado o período de concesión debe reverter de forma gratuíta para que as infraestruturas sexan explotadas polo sector público co obxectivo de facer da enerxía un elemento accesible á cidadanía”.
O responsable socialista explicou que nestes momentos hai en Galicia un total de 148 centrais hidráulicas con explotacións que se remontan ás décadas dos anos 30 e 40, dende os que se benefician dun dereito concesional que, de acordo coa Lei de Augas, non poderá exceder dos 75 anos. No momento en que se extinga o dito período, explicou, as explotacións reverterán na administración de forma gratuíta e libre de cargas.
Explica que “non existe ningunha razón para que non revertan no sector público” unhas explotacións que a día de hoxe están “suficientemente amortizadas”, de acordo cos informes oficiais. Subliñou que polo tanto as empresas eléctricas “non poden alegar que non teñan amortizado” os investimentos, cando os usuarios teñen que soportar unha das electricidades máis caras da UE, e en Galicia unha das máis caras do Estado.
Isto é así por moito que as empresas estean a beneficiarse duns beneficios “elevadísimos” mentres os prezos récord condicionan a competitividade económica e supoñen un problema para capas cada vez máis amplas da poboación. Esta situación vai en contra, lembrou, do obxectivo fixado polas Nacións Unidas, que fixa 2030 como límite para acadar unha enerxía accesible para tódalas persoas.