O responsable da área de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, alertou hoxe da intención do goberno galego de “escorrer o vulto en materia de socorrismo acuático”. Así o dixo logo do voto en contra por parte do PP a unha proposta socialista presentada hoxe en Comisión parlamentaria para reclamar un plan de dotación de servizos de socorrismo acuático.
O responsable socialista denunciou que o goberno galego “non quere traballar nun asunto esencial en materia de emerxencias”, como é a revisión e actualización do Plan de Salvamento en Praias de Galicia –Sapraga-, sen renovar dende 2001. Díaz Villoslada urxiu ao goberno galego a colaborar coa Fegamp para garantir un marco acaído e coordinado para os concellos galegos con praias.
Advertiu que logo da situación “caótica” na que rematou a temporada de verán 2017, dixo, “puidemos comprobar que 2018 foi igual ou aínda peor”, con praias sen seguridade ou coa contratación de vixilantes ao albur dos concellos. Aínda que se trata dunha competencia municipal, explicou, cumpre a intervención do goberno galego para garantir “criterios claros e homologados, así como de recursos suficientes” para dotar dos efectivos necesarios para as praias.
Díaz Villoslada lembrou que o propio Sapraga foi promovido pola Xunta no seu momento, establecendo que a dirección do mesmo “recae no director xeral de Protección Civil ou na persoa que el delegue”, co que, puntualizou, “supoño que algunha responsabilidade haberá por parte da administración autonómica”. Comparou o bloqueo deste plan coa situación do Platerga ou do Pladiga, que o goberno galego négase a revisar a pesares da urxencia.
Denunciou que “non queren traballar nun asunto esencial en materia de emerxencias, que provoca mortes ocultas” nas costas galegas, cando se trata de “salvar o máximo de vidas posible, máxime –puntualizou- cando promocionamos as praias como reclamo do sector turístico de Galicia”.
Hoxe en día, dixo, “non hai regulación clara sobre o número de socorristas acuáticos nas praias, os que hai non teñen homologados os seus horarios, nin as condicións laborais nin os criterios sobre a duración da temporada de verán nos servizos de salvamento” que en última instancia “depende das iniciativas, os recursos ou as prioridades dos concellos”.