O responsable de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado Quintela, criticou hoxe no Parlamento o veto do PP a unha proposta socialista para pedir a cobertura das baixas no Centro de Saúde e no PAC de A Laracha garantindo o número axeitado de profesionais. Torrado presentou unha proposición non de Lei neste sentido na Comisión de Sanidade que foi rexeitada polo voto en contra do PP.
O responsable socialista mantivo un encontro coa portavoz socialista no Concello de A Laracha, Palomi Rodríguez, despois do debate en Comisión. Rodríguez levará unha iniciativa neste sentido ao Pleno do Concello, onde reclamará o apoio da Corporación Municipal para reivindicar unha cobertura axeitada de persoal nos centros sanitarios.
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista alertou na súa intervención da falta de persoal sanitario no centro de saúde e o PAC de A Laracha en casos de vacacións ou baixa dalgún profesional, que provoca “demoras na atención e retrasos na concesión de citas”. O Centro de Saúde conta con 6 consultas de facultativo de Atención Primaria que “pasa en numerosas ocasións por días en que non todas as consultas están dispoñibles porque non se cobren as baixas”.
A situación no PAC é semellante “ao quedar en moitas ocasións con menor número de equipos dos que marcan como necesarios os baremos que a propia Xunta de Galicia utiliza para os seus criterios”. Subliñou que esta situación repercute na capacidade dos profesionais de ofrecer unha atención de calidade o cal repercute directamente sobre os cidadáns.