O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, esixiulle hoxe á Xunta o desbloqueo da concentración parcelaria da zona norte de Agolada, paralizada dende 2010. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei en Comisión parlamentaria para reclamar esta medida “fundamental para frear o despoboamento do rural” galego, que sen embargo foi vetada polo PP.
O parlamentario socialista subliña que se trata dun proxecto “relativamente sinxelo e de especial interese estratéxico”, tal e como están a demostrar os veciños da zona, que veñen reclamando o remate do proceso reiteradamente dende 2002. Explica que se trata dun “espazo moi fértil e válido, que afecta a zonas de gran capacidade produtiva para a produción de forraxes con cultivos como o millo ou so xirasois”.
A zona pendente da concentración está integrada polos núcleos 1 –que abrangue 1.469 hectáreas das parroquias de Agra, Sexo, Baiña e Val-, 2 –que supón 2.130 hectáreas nas parroquias de Berredo, Eidián, Basadre e Ramil-, os dous iniciados en 2002 pero paralizados en 2010, e 3 –parroquias de Sexto e Brocos-, co que entre as tres superan as 5.000 hectáreas de cultivo.
Nas parroquias dos dous primeiros núcleos xa existen actualmente 14 explotacións agrarias, tanto industrias como familiares, e contan con 56 postos de traballo directo, pero actualmente hai varios proxectos que precisan dunha base territorial ampla para desenvolver a súa actividade e a creación de entre 20 e 30 novos postos de traballo.
Pérez Seco amosa a súa sorpresa pola negativa do PP a esta proposta, fundamental para fixar poboación nun concello eminentemente rural, por canto “vai en contra de forma frontal co discurso do presidente da Xunta, empeñado en anunciar a Lexislatura do Rural mentres boicotean tódalas propostas dirixidas a impulsar e defender a actividade e á poboación do interior de Galicia”.