A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista presentada en Comisión, dirixida a pedirlle á Xunta que cumpra co Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia, que incluía 11 plantas de xestión de lixo orgánico. A responsable socialista dixo que o modelo do PP “fracasa porque teñen ao medio ambiente como postureo”.
Vilán lembrou que a Directiva europea de residuos “establece que os municipios deberán reciclar en 2020, a lo menos, o 50 por cento dos seus residuos, cando a realidade é que Galicia non chega nin ao 20 por cento”. Advirte que “Galicia leva 10 anos de retraso” pola “exclusiva incapacidade” do goberno galego, que aposta por un “modelo fracasado” e que “é o do glifosato” –un pesticida tóxico contaminante- en lugar do compost.
Acusou ao PP de “intentar trasladarlle o problema e a responsabilidade unicamente aos concellos” cando foi o goberno galego o que incumpre o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia que eles mesmos aprobaron e no que eles mesmos “pintaron” 11 plantas de xestión de residuos para Galicia.
Os socialistas reclamáronlle ao goberno galego a implantación urxente dun “modelo de xestión de residuos que aplique o principio de proximidade no territorio” poñendo as plantas en funcionamento nesta Lexislatura e “incluíndo na Lei de Orzamentos o financiamento prioritario de actuacións de mellora da recollida selectiva”.