O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, lamentou hoxe o veto do PP á comparecencia do conselleiro de Sanidade no Pleno do Parlamento para dar conta da situación do servizo de Urxencias do Hospital de Santiago e da denuncia dos médicos polo falecemento de dous pacientes o pasado 2 de xaneiro. Así o explicou logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, que fixou a orde do día do Pleno da próxima semana.
O responsable socialista sinalou que “non foi posible convencer ao PP” para que pospuxera a comparecencia prevista da nova conselleira de Educación para explicar as liñas xerais do seu departamento. Fernández Leiceaga lembrou que “estamos a mediados do curso académico”, polo que considerou “de maior interese social e político” a comparecencia do conselleiro de Sanidade que a da conselleira de Educación, que “ben pode ser adiada”.
O portavoz socialista pediralle de todos modos explicacións ao presidente da Xunta pola situación da sanidade pública galega na sesión de control do próximo Pleno, na que levará unha pregunta “sobre a rectificación da política sanitaria dos últimos anos”. Esta iniciativa complementarase cunha proposición non de Lei na que os socialistas galegos reclaman un plan extraordinario de recursos humanos para a Atención Primaria.
Fernández Leiceaga defendeu autonomía real para o servizo de Atención Primaria, que actualmente “padece dun problema creado polo propio Feijóo”. Sinalou que por moito que Feijóo aparente unha rectificación na súa política sanitaria, a realidade é que o programa de acción especial para este servizo carece de reforzo orzamentario, e a sanidade galega atópase 190 millóns de euros menos que o momento de maior gasto público neste apartado.
Os socialistas galegos reclaman unha acción definitiva para combater a precariedade na sanidade pública, e instaron ao presidente da Xunta a avanzar na súa rectificación ata acadar unha modificación real da sanidade pública. Sinalou que as conversas cos profesionais da sanidade pública “son correctas pero insuficientes” por canto o goberno galego é “remiso a incorporar accións imprescindibles para loitar contra a precariedade na sanidade pública”.
Igualdade
Os socialistas presentarán ademais unha interpelación sobre a política do goberno galego en materia de violencia de xénero logo do xiro na posición política do PP ao apoiarse en Vox en Andalucía e pasar a negar un problema específico nesta materia. Tamén interpelarán ao goberno galego polo cumprimento da Lei de protección e benestar dos animais de compañía, de novo logo de ter asumido o discurso dun partido que denuncia un “sesgo animalista excesivo” en España.
O Grupo socialista presentará unha pregunta oral para que o goberno galego explique as actuacións que ten previsto para incrementar a seguridade no Porto de Malpica, logo do falecemento do patrón do buque “Silvosa” o pasado 20 de decembro. Tamén lle preguntarán ao goberno galego polo proxecto do novo polo tecnolóxico da Coruña Cidade das TIC, e a posibilidade de exportalo a distintas cidades galegas.