O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, defendeu esta mañá no Pleno do Parlamento unha proposición non de Lei para a mellora da Atención Primaria a través dun “plan de contratación de profesionais do sector que evite o peche de centros e a concentración de servicios”. A proposta, que foi vetada polo PP, incluía un “programa de reforma dos centros de saúde e construción de novos que permita ampliar e mellorar a rede de centros”.
O representante socialista defendeu “unha boa Atención Primaria”, que “permita unha sanidade mais próxima ao estender e descentralizar o contacto desta persoas” e un mellor funcionamento da rede de hospitais para diminuír as listas de espera e optimizar os tempos. Sinalou que en Galicia “este fortalecemento faise aínda mais importante, e case imperativo, debido ás condicións demográficas específicas de Galicia de dispersión e envellecemento”.
Denunciou tamén que o goberno de Núñez Feijóo “só teña contratado de forma estable a, aproximadamente, o 15 por cento dos facultativos formados en Atención Primaria en Galicia, cantidade insuficiente para cubrir as necesidades do sistema galego”. As políticas da Xunta, dixo, “supoñen unha maior concentración dos servizos, afastando a atención dos cidadáns e prexudicando a calidade asistencial”.
Sectarismo
Torrado denunciou o “sectarismo” que leva a Xunta a impulsar as demandas dos concellos en función do goberno local e non seguindo criterios técnicos, primando por tanto os intereses partidistas por riba dos intereses da cidadanía.
Criticou a “mala planificación da Xunta” provoca un problema de “saturación” que leva a que “moitos centros están por debaixo da súa capacidade, deixando moitos desatendidos ao ter que saír os profesionais a cubrir urxencias”. Os orzamentos da Xunta Galicia, dixo, Amosan que os compromisos de varios centros de saúde repítense ano tras ano, ignorando así as responsabilidades polo anuncio e o compromiso dunhas infraestruturas que nunca se inician.