O líder dos socialistas galegos advírtelle a Feijóo que “unha vez tomada a decisión, comeza o tictac para escoller entre Galicia e a súa responsabilidade no PP”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinaloulle hoxe a Feijóo que “o único compromiso dun presidente da Xunta debe de ser Galicia, que debe de estar por enriba do PP”. Logo de coñecer o anuncio de Feijóo de optar á presidencia do PP, sinalou que “Galicia non pode subordinarse á estratexia electoral ou aos líos internos do PP”.
Valentín González Formoso sinalou que “unha vez tomada a decisión, comeza o tictac do proceso de escoller entre Galicia e a súa responsabilidade no PP”, que incorre nunha “incompatibilidade que el mesmo recoñece coas súas palabas de hoxe”.
O líder dos socialistas galegos apuntou que, “os intereses políticos dunha formación non poden estar de ningunha maneira supeditando o futuro dun país”, logo de recoñecer “respecto absoluto no persoal” pola decisión do dirixente galego.