O líder dos socialistas galegos mantivo un encontro en Santiago co ministro Escrivá e os representantes de UGT e CCOO
Sinala que o novo acordo sobre o sistema público de pensións “garante a equidade e acredita o compromiso socialdemócrata cun sistema que se ve reforzado e garantido respecto ao futuro”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe en Santiago que o acordo de reforma das pensións “acaba coa inxustiza” imposta pola reforma unilateral de Rajoy do ano 2013. Así o dixo logo dun encontro co ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, no que tamén participaron o delegado do Goberno e os sindicatos UGT e CC.OO.
O líder dos socialistas galegos salientou que o acordo, asinado o pasado 1 de xullo entre o goberno e os axentes sociais, “acaba coa inxustiza, renova o compromiso co sistema público de pensións por parte do Estado”. E faino ademais, dixo, integrando ás forzas sindicais e representantes empresariais “coma sempre se fixera a través do Pacto de Toledo, coa concertación e o compromiso social”.
Este novo acordo retoma o camiño do encontro para “eliminar as inxustizas incorporadas pola reforma laboral unilateral e sen ningún tipo de acordo coas forzas sociais imposta polo PP en 2013”. Aquela imposición, lembrou, “recortaba dereitos aos pensionistas co sistema de revalorización e se afastaba da actualización respecto do IPC” que sempre fora norma en España.
Ademais, engade, aquela imposición “incorporaba un factor de sostibilidade das pensións que facía perder o 25 por cento de media a calquera pensionista de cara ao futuro”. A nova dirección de acordo sobre o sistema público de pensións garante a equidade “acredita o compromiso socialdemócrata cun sistema que se ve reforzado e garantido respecto ao futuro”.
O encontro celebrado esta mañá contou coa participación, ademais do máximo responsable dos socialistas galegos, do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o secretario xeral de UGT – Galicia, José Antonio Gómez, e a secretaria de Emprego, Política Social e Políticas Públicas, Maica Bouza.