O secretario xeral do PSdeG sinala que “a cidadán de Ferrol cústalle a metade que hai un ano chegar a A Coruña ou Vigo” pola AP-9
Salienta o apoio do goberno ao alugueiro para os mozos galegos, cando o 75 por cento dos menores de 34 anos viven cos seus pais
A ministra de Mobilidade sinala que o Bono Alugueiro e o Plan Estatal de Vivenda aprobados este martes fan efectivo o dereito constitucional á vivenda digna e recuperan “anos de libre albedrío do PP que deixou a mozos e familias incapaces de pagar a vivenda
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou o esforzo do goberno para desbloquear a rebaixa das peaxes da AP-9, así como o investimento en infraestruturas, sinaladamente na mellora do acceso ferroviario aos portos exteriores de A Coruña ou Ferrol. Así o dixo antes dun acto xunto coa ministra de Transportes, Mobilidade, e Axenda Urbana, hoxe en Ferrol para presentar o Bono Alugueiro Xoven.
O responsable socialista sinalou que grazas ao goberno presidido por Pedro Sánchez, “agora mesmo a un cidadán de Ferrol cústalle a metade que hai un ano chegar a A Coruña ou a Vigo”. Salientou este “compromiso cumprido” logo de anos de bloqueo polo executivo de Mariano Rajoy e o PP, e que resulta “fundamental para revitalizar a economía e para as familias galegas”.
Esta medida, reclamada dende hai décadas pola sociedade galega, foi posible polo investimento de 59 millóns de euros dende o Ministerio de Mobilidade, e que permitiu que os galegos e galegas aforraran 18 millóns de euros en peaxes dende o mes de xullo.
Salientou ademais as “facilidades” do goberno para acadar un acceso ferroviario “decente” aos portos exteriores de Ferrol e A Coruña. Sinalou que estas infraestruturas estratéxicas “non terían sentido nin viabilidade” sen a comprensión do Ministerio, que conseguirá, dixo, facer que a infraestrutura sexa unha realidade “tendo en conta o novo escenario de fondos europeos” e polo compromiso de España e o PSdeG.
Antes de celebrar un acto para presentar o Bono Alugueiro Xoven aprobado polo Executivo central, Valentín González Formoso lembrou que “seremos esixentes co tren a Ferrol”, e engadiu que “sabemos que vai conseguirse polo empeño” do PSOE no goberno central.
Vivenda
Xa no acto celebrado esta tarde, o líder dos socialistas galegos sinalou a importancia “vital” das axudas ao alugueiro para os mozos e mozas de Galicia, onde o 75 por cento das persoas menores de 34 anos aínda viven cos seus pais. Grazas a esta iniciativa, os mozos e mozas poderán aforrar ata o 60 por cento do custe do arrendamento das súas vivendas en Galicia.
Sinalou que esta medida intégrase no Plan Estatal de Vivenda, que demostra a “aposta política por cumprir co mandato constitucional do dereito á vivenda” en sintonía coa Lei de Vivenda. Este texto normativo “respira interese por equilibrar a xustiza social, erradicar a especulación e poñer no seu sitio aos especuladores que viñeron en tempos de Aznar e provocaron a maior crise económica da historia do país”.
A ministra de Axenda Urbana, Raquel Sánchez, salientou o bono de axuda ao alugueiro e o Plan Estatal de Vivenda, aprobados este pasado martes no Consello de Ministros, dirixidos a apoiar aos mozos e mozas para “empezar o seu proxecto de vida” fora do domicilio dos pais.
Estas medidas queren emendar as consecuencias de anos do PP nos que o mercado funcionou “con libre albedrío”, deixando a mozos e familias con enormes dificultades para pagar a súa vivenda. Salientou a “oportunidade histórica” para “demostrarlle aos mozos e mozas que o goberno está comprometido con eles”, como fará coas medidas para conter os prezos a través da futura Lei de Vivenda.
Sinalou que o bono de alugueiro compleméntase con axudas específicas do Plan Estatal de Vivenda, que permitirá axudar aos mozos e mozas con ata o 75 por cento do alugueiro. Así o dixo en Ferrol, logo de confirmar o compromiso do goberno coas infraestruturas e anunciar o estudo informativo da variante de Betanzos que conecta Ferrol con A Coruña.
Ferrol
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acompañou ao líder dos socialistas galegos e á ministra de Infraestruturas a visitar as vivendas rehabilitadas na rúa de Méndez Núñez grazas ás axudas estatais. A continuación salientou que “nunca se produciu un investimento maior que o de 2022 con respecto ao Plan de Vivenda para Ferrol, onde percibirán case 1 millón de euros máis con respecto a programas anteriores.
Salientou que a cidade leva “décadas construíndo vivenda para a xente moza e recuperando o patrimonio histórico”, e que este ano recibe a obra pública “máis importante” dende o Ministerio para a cidade. Aludiu á transformación da Avenida das Pías, que é o acceso principal á cidade dende Fene e que suporá un investimento de máis de 10 millóns de euros nos próximos meses.
A actuación compleméntase coas actuacións de carácter social para a supresión de barreiras arquitectónicas en “barrios de moi distinta natureza, como son o de Recimil, Ultramar e Caranza”.