O líder dos socialistas galegos mantén un encontro coa Federación Galega de Confrarías no que lle reclama á Xunta que “aprenda a lexislar como fan os colectivos: falando”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, salientou hoxe o “ton moi construtivo” do diálogo iniciado entre percebeiros e bateeiros para superar a confrontación xerada pola decisión da Xunta de modificar as zonas de recollida de mexilla. Así o dixo logo dun encontro cos responsables das confrarías implicadas na sede da Federación Galega de Confrarías, en O Milladoiro -Ames-.
González Formoso envioulle unha mensaxe ao goberno galego: “a Xunta debe de aprender a lexislar como fan os colectivos: falando”. Advertiu de que “as normas que son cambiadas despois de tanto tempo sen consenso e con imposición conlevan enfrontamentos que son perfectamente resolubles vendo o ton construtivo e propositivo dos dous colectivos, e dialogando como están a facer agora mesmo”.
Salientou que os dous colectivos comparten a mesma problemática, que é por unha banda garantir unha produción sostible de percebe e, pola outra, ter garantida mexilla suficiente para manter a produción de mexillón”. Sinalou que estas xuntanzas “en positivo” auguran “máis achegamentos entre eles, que acabarán chegando a acordos entre eles, o que é moi positivo para un sector tan estratéxico para Galicia”.
González Formoso mantivo un encontro co presidente da Federación, José Antonio Pérez Sieira, no que tamén participaron os responsables dos pósitos implicados, e coa responsable de Pesca do PSdeG e do Grupo Socialista no Parlamento, Patricia Otero, o portavoz de Marisqueo no Grupo Parlamentario, Julio Torrado, o responsable da CEP de A Coruña, Walter Pardo, e os alcaldes de Muxía -Iago Toba-, Camariñas -Sandra Insua-, Fisterra -José Marcote- e Ames -Blas García-.