O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, sinalou hoxe en Ourense que a chegada do AVE a Galicia “abre un escenario de oportunidades socioeconómicas” a nivel histórico para esta Comunidade Autónoma. O líder dos socialistas galegos participou hoxe da viaxe inaugural xunto cos xefes de Estado e de Goberno e diversas autoridades políticas e insitucionais de Galicia.
O responsable dos socialistas galegos aplaudiu que o acto de hoxe permita ver como “a chegada do AVE é por fin unha realidade, tras moitos anos de traballo colectivo e máis de 10.000 millóns de euros de investimento”. Apostou por “seguir traballando” para aproveitar o novo horizonte aberto pola mellora da conectividade ferroviaria en Galicia.
Salientou a especial relevancia desta infraestrutura “no sector turístico, económico e empresarial”, e emprazou a analizar polo miúdo as posibilidades para optimizar o aproveitamento deste potencial para facelo efectivo. Chamou ás administracións a traballar en común para “abordar as tarefas pendentes e colaborar ombreiro con ombreiro para facer do AVE unha peza estratéxica no futuro de Galicia”.
Os socialistas galegos, lembrou, celebrarán no mes de febreiro unha xornada aberta á sociedade para analizar o impacto da conexión do AVE entre Galicia e Madrid. O obxectivo é dar a coñecer os plans para a extensión progresiva da alta velocidade en Galicia e pulsar o impacto desta infraestrutura noutras localidades e aportar ideas de utilidade para aproveitar esta oportunidade histórica.