O secretario xeral do PSdeG sinala que a cultura galega representa unha industria que xera o 3 do PIB, mais 30.000 empregos e proxecta imaxe exterior de Galicia
Alerta a Feijóo de que dirixir o PP supón unha “incompatibilidade clara e manifesta” coa presidencia da Xunta
Reclama unha condena enérxica das forzas políticas contra a invasión de Ucraína por Rusia, diante do que “non valen equidistancias nin neutralidades activas”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou hoxe un maior apoio público ao Consello da Cultura Galega por parte da Xunta de Galicia. O líder dos socialistas galegos visitou hoxe a sede desta institución cultural, onde lle reclamou ao goberno galego que supere a “lexanía e desconfianza” do PP cara á cultura galega.
González Formoso reclamoulle á Xunta que “recupere a capacidade orzamentaria” do ente, recoñecendo dunha vez a súa labor a prol da cultura, logo de que na etapa de goberno de Feijóo teña reducido o seu orzamento nun 20 por cento. O responsable socialista quixo recoñecer así o traballo desta institución, que “leva traballado moito pola cultura deste país”.
Lembrou que a cultura “sempre foi unha aposta socialista”, polo que o CCG constitúe unha “visita obrigada” do máximo responsable do PSdeG, como mostra de apoio ao seu traballo a favor dun sector que mobiliza o 3 por cento do PIB de Galicia e da traballo a máis de 30.000 profesionais que axudan a “proxectar a imaxe do país en España e no mundo”.
Incompatibilidade de Feijóo
O responsable socialista sinalou ademais, en resposta a preguntas dos xornalistas, a “incompatibilidade clara e manifesta” da dirección do PP á que aspira Feijóo co seu cargo á fronte da Xunta de Galicia. Salientou o “respecto á decisión persoal” á hora de optar a liderar o seu partido a nivel nacional, pero “ten que saber que a partir dese momento terá que escoller entre Galicia e o PP”.
Explicou que como líder do seu partido verá “imposible defender por exemplo os intereses de Galicia no novo modelo de financiamento autonómico”, cando esta Comunidade Autónoma reclama primar o envellecemento e a dispersión poboacional, ao mesmo tempo que os do Mediterráneo, que quere primar o superpoboamento.
Esta dicotomía, dixo, non se repite no seu caso na presidencia da Deputación Provincial de A Coruña, en contra do que quere facer ver o PP, por canto “estou desempregando a miña actividade diaria en Galicia, tanto en Lugo como na Coruña, As Pontes ou Vigo”. Lembrou que para presidir o ente provincial “tes que ser alcalde ou concelleiro, e desempregar a labor día a día en Galicia”.
Invasión de Ucraína
Valentín González Formoso reivindicou hoxe unha “condena enérxica a Putin e Rusia” pola invasión de Ucraína por parte de tódalas formacións políticas galegas. Apuntou que “estamos a falar de algo moi serio, onde non valen equidistancias nin neutralidades activas”, por canto “estamos diante dun conflito bélico que pon en risco o sistema democrático e a vida de milleiros de persoas”.
Subliñou que “non vamos andar con ambaxes nin dúbidas” diante dunha agresión bélica que “pon en risco a seguridade de todo o mundo”, e lembrou as palabras do presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, alertando de que de non parar a guerra e declararnos manifestamente contrarios, esta pode chamar á nosa porta.
O líder dos socialistas galegos aludiu á iniciativa dos socialistas galegos de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposta de declaración institucional coa condena explícita a Rusia, reclamando o alto o fogo e amosando a solidariedade co pobo de Ucraína.