O secretario xeral do PSdeG lembra que o PP foi a única forza política que votou contra unha normativa que mellora as oportunidades de formación e emprego para a xuventude e que está dotada con 4.000 millóns de euros
Insta a Feijoo a escoller entre Galicia ou PP, porque Galicia debe ser “o único compromiso” do presidente da Xunta: “A compatibilidade sería ilóxica e absurda”
González Formoso mantivo esta mañá un encontro de traballo coa ministra de Educación, Pilar Alegría, e con representantes do ámbito da Formación Profesional en Galicia
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle hoxe ao goberno galego que se desmarque da posición contraria do PP á Lei de FP e que acepte aplicar esta nova normativa na nosa comunidade.
“Pídolle á Xunta que non se converta na do non en Galicia”, reivindicou o líder socialista, “porque aquí xa temos a outros do non e, polo tanto, este país precisa aos do si e que abramos este país á ilusión, ao futuro e á esperanza”. Nesta liña, subliñou a importancia de que “non deixemos de empregar este instrumento tan poderoso e que so ten beneficios para darlle formación e oportunidades de emprego á nosa xuventude”.
Valentín Gonzalez Formoso realizou estas declaracións tras manter un encontro de traballo en Santiago coa ministra de Educación, Pilar Alegría, e con representantes do eido da FP en Galicia.
SO O PP VOTOU EN CONTRA DA LEI
Tras este encontro, o secretario xeral do PSdeG lembrou que, malia que a Lei supón “unha clara aposta pola mocidade”, o Partido Popular foi a única das 23 forzas con representación no Congreso que votou en contra dela, incluso despois que recibise un apoio por unanimidade na Comisión na que se creou.
Neste contexto, Valentín González Formoso reivindicou que esta situación “non debe impedir que Galicia acceda aos beneficios dunha Lei que ten un orzamento de 4.000 millóns de euros” e que se suma a plans pioneiros para a modernización da FP impulsados polo goberno central.
Así, tras pedir “que non se politice a educación” e avogar polo “consenso”, o mandatario socialista insistiu en que “Galicia non debe renunciar a unha posibilidade que pretende impulsar o que xa se fixo noutros países europeos como Alemaña ou Francia, que son modélicos na súa aposta por este tipo de formación”.
Neste contexto, o secretario xeral do PSdeG lembrou que Lei supón unha clara aposta polos rapaces e rapaces do país, nun escenario no que a Unión Europea considera que en 2025 o 50 por cento deles requirirán cualificación profesional. Polo tanto, remarcou, “é un instrumento para flexibilizar o mundo laboral e adaptalo á realidade da economía do futuro”.
Como factor máis importante, resaltou que ese orzamento de 4.000 millóns de euros permitirá incentivar a contratación de mozos e mozas e potenciar a FP dual, “nesa formación tan práctica inserida no mundo empresarial, o que vai a facer que estean formados debidamente”.
En calquera caso, lamentou que Feijoo “teña un discurso político e logo os feitos desmintan ese discurso”. Nesta liña lembra que, por unha banda, considera importante a FP, pero despois anuncia a non aplicación da Lei de FP en Galicia.
Non se trata dunha estratexia nova, senón que sucede o mesmo coa Lei de vivenda ou co acordo social que permite avanzar por fin no Pacto de Toledo. “Xa está ben de que o PP faga un discurso político e a continuación aplique a política contraria”, afirmou González Formoso, “porque creo que precisamente esa incoherencia é a que fai que a xente se desvincule da política”.
FEIJOO DEBE ESCOLLER ENTRE GALICIA OU PP: “A COMPATIBILIDADE É ILÓXICA E ABSURDA”
A preguntas dos medios de comunicación sobre a posibilidade de que Feijoo asuma a presidencia do PP en España, Valentín González Formoso insistiu en que “a nosa posición é de respecto absoluto a unha decisión que é moi persoal”. “Pode tomarse un tempo”, engadiu, “pero este país, como o resto do Estado, está inmerso nun proceso de recuperación e reactivación económica, social e laboral e precisa un presidente cuxo único compromiso sexa Galicia”.
Nesta liña, evidenciou que “a súa compatibilidade co Estado non é posible, é ilóxica e absurda” polo que “calquera outra competencia que esixa unha análise de compatibilidade máis alá da fronteira de Pedrafita non ten sentido”. Como exemplo, advertiu que “é imposible defender o financiamento autonómico de Murcia e o de Galicia ao mesmo tempo”.
Esa “incompatibilidade de postos vaise dar constantemente”, remarcou o líder socialista, “e, en consecuencia, o Feijoo ten que comprometerse co país ou deixar o seu compromiso co país”. “Unha vez tome esa decisión, empeza a conta atrás sobre se hai un compromiso con Galicia ou co resto do Estado”, concluíu.