O secretario xeral do PSdeG subliña que ese “modelo máis xusto e solidario” é tamén polo que “apostamos os e as socialistas de Galicia”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, felicitou hoxe ao presidente Antonio Costa pola súa “histórica vitoria” nas eleccións celebradas onte en Portugal e na que o Partido Socialista acadou a maioría absoluta.
González Formoso -que precisamente tomou parte hai uns días nun dos actos de campaña de Antonio Costa en Braga- cualificou os resultados de “gran nova para o país veciño, para os socialistas portugueses e para o conxunto da cidadanía lusa”.
“Estamos”, proclamou o secretario xeral do PSdeG, “ ante un éxito contundente” que, máis alá do ámbito portugués, “referenda e fortalece esa onda de socialdemocracia e de socialismo que vai avanzando nos principais países europeos” e que ten como sinais de identidade fundamentais a procura da “igualdade de oportunidades e que a sociedade progrese sen deixar a ninguén atrás”.
González Formoso subliñou que “hoxe, despois de moitos anos, gobernamos en Alemaña, en Portugal, en Finlandia ou en España” coa defensa deses valores como prioridade. “E esa é”, enfatizou, “a mesma aposta clara que temos os e as socialistas para Galicia e para o conxunto de España”.
Nesta liña, González Formoso subliñou tamén que ese modelo socialdemocráta está demostrando ser “máis xusto e solidario” con respecto que se aplicou para saír da anterior crise.
Como mostra inequívoca disto, o secretario xeral do PSdeG puxo en valor iniciativas como os ERTE, que conseguiron protexer a millóns de traballadores dende o inicio da pandemia, ou a activación dos fondos europeos para a recuperación, que son a gran oportunidade para a recuperación económica e social do país.