O secretario xeral do PSdeG sinala que “o socialismo portugués, coma o español, demostraron que se pode ser rigoroso na xestión económica e apostar por unha sociedade máis xusta”
Participa en Braga nunha xornada sobre desenvolvemento territorial Galicia – Norte de Portugal organizada polo PS
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, defendeu hoxe en Portugal “unha maneira progresista para saír da crise”. O líder dos socialistas galegos viaxou hoxe ata Braga, onde participou nunha xornada sobre Desenvolvemento Territorial Galicia – Norte de Portugal organizado polos socialistas daquel país.
González Formoso trasladou o apoio do PSdeG aos socialistas portugueses no proceso electoral que rematará o próximo 30 de xaneiro e apoiar a candidatura do actual presidente, o socialista Antonio Costa. Sinalou que estes comicios resultan “esenciais e estratéxicos” para garantir unha resposta socialdemócrata aos desafíos para deixar atrás a crise sanitaria e económica.
Sinalou a importancia do proxecto socialdemócrata europeo, e explicou que a relación entre Galicia e Portugal “esténdese máis alá das fronteiras” precisamente derivado do proxecto europeo “no que tanto tivo que ver a socialdemocracia nos anos 80”.
O responsable socialista avalou coa súa presenza “as propostas socialdemócratas que constituíron un exemplo para toda a Península Ibérica e a UE” fronte a unha alternativa neoliberal da “austeridade que última instancia paga a cidadanía e vulnera os principios de igualdade e de xustiza social”, como sucedeu na anterior crise de 2008.
Reivindicou a saída da crise pola vía que defenden tanto o PS como o PSdeG para saír da crise “demostrando que as medida de sostibilidade económica son perfectamente compatibles con amparar e seguir abandeirando a protección social nos países do entorno da UE”.
O líder dos socialistas galegos salientou que “o socialismo portugués, coma o español, demostraron que se pode ser rigoroso na xestión económica e apostar por unha sociedade máis xusta”. Rematou cunha defensa dos proxectos políticos moderados porque, dixo, “os extremismos non levan a ningures”.
González Formoso participou neste encontro ao que acudiu xunto co secretario xeral adxunto do PS, José Luis Carneiro, e o alcalde de Vigo e presidente da Femp, Abel Caballero. No acto tamén interveu a secretaria de Política Internacional e Cooperación ao Desenvolvemento do goberno de España, Hana Jalloul.
Así mesmo, no acto participaron o ex ministro de Economía de Portugal, Luís Braga, o reitor da Universidade de Miño, Rui Vieira de Castro, o presidente do Agrupamento de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, Nuno Almeida, e a coordinadora do Instituto Superior de Administración e Xestión do país veciño, Elvira Vieira.