Tras doce anos sen representación na vila, a candidata do PSdeG insiste en que “volvemos para quedarnos e vimos cun proxecto, con propostas e cun programa que é de todos e de todas”
30 de abril de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, xunto a Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, e a Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, arrouparon esta mañá, acompañados de todas as alcadesas e alcaldes da Costa da Morte, a presentación da candidatura socialista de Sheila Rial Mata á alcaldía do Concello de Zas
O Auditorio de Zas acolleu un acto especial, como o confirmaron todos os asistentes, xa que a última candidatura socialista na vila remóntase a hai doce anos. Así o recordou Valentín González Formoso, quen destacou o feito de que “esta candidatura está conformada íntegramente con veciñas e veciños do concello de Zas, implicados na mellora, na modernización e o progreso da súa vila.”
“Sei o difícil que é dar un paso como o que da Sheila nun concello gobernado polo BNG e, polo tanto, para min ten ese tripla valor que nunca esqueceremos os socialistas de Galicia. Un paso adiante a prol da túa vila, a prol dunha ideoloxía que se identifica non só coa Costa da Morte, senón con toda Galicia, co mellor de España e co mellor de Europa que se chama socialdemocracia”, recordou o líder dos socialistas quen instou á candidata a “transmitir ilusión nova en Zas, porque non hai proxecto máis ilusionante que devolver a ilusión á vila na que vives”.
Pola súa banda, Bernardo Fernández insistiu en que volver contar coa candidatura en Zas é un reto que o PSdeG tiña marcado dende hai tempo como “a mellor opción para garantir o futuro desta vila” fronte a un “proxecto que xa está esgotado”. Destacou a “preparación e capacidade de traballo” de Sheila Rial e puxo en valor a “valentía” de todos e todas os que forman esta candidatura.
O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña afirmou que “temos que conseguir unha vitoria para que o Partido Socialista da Costa da Morte sexa o partido que rexa e dirixa o destino e o futuro desta terra. Só nos falta este Concello. Témolo entre cella e cella e non imos a parar no noso empeño de conseguir a Alcaldía de Zas”. “As veciñas e veciños desta terra merecen ter ao fronte dos seus concellos ás e aos mellores e iso é o que lles ofrece o Partido Socialista. Por iso, ostentamos 8 de 9 alcaldías porque somos a única garantía de futuro para a Costa da Morte” afirmou.
Na súa intervención, Sheila Rial agradeceu o apoio da veciñanza que encheu esta mañá o auditorio de Zas nun acto que servirá para “dar a coñecer o rexurdir do Partido Socialista en Zas”. “Volvemos, volvemos para quedarnos e vimos cun proxecto, con propostas, cun programa que é de todos e de todas”.
“Teño o carácter e a capacidade para asumir este reto, para gobernar este municipio, para ser a próxima alcaldesa de Zas. Preséntome porque quero darlle oportunidades a xente da miña xeración e xerar oportunidades para a xente que viviu toda a vida en Zas”, reiterou antes de engadir: “E, sobre todo, preséntome porque quero acabar con esa clase de política rancia, autoritaria e ditatorial que, aínda que pareza mentira, segue habendo”.