A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Peticións á Valedora, Patricia Vilán, instou á máxima comisionada do Parlamento a intervir no conflito da xustiza, sen acordo entre Xunta e sindicatos logo de case dous meses de folga. Así llelo dixo na presentación, hoxe, do informe correspondente ao ano 2017.
Vilán reivindicou a figura da Valedora do Pobo como mediadora para intervir nun conflito que está a afectar á calidade da prestación dun servizo público fundamental en Galicia, e apelou á súa “capacidade de incidir en algo do que ocorre”. Ademais, solicitoulle que analice a vulneración do dereito á intimidade no uso de datos persoais derivado das constantes caídas do programa LexNet, así como o escaso uso do galego na Xustiza.
A responsable socialista puxo o acendo sobre os graves retrasos nas valoracións da discapacidade, que supoñen gran parte das queixas e recomendacións mentres acumulan ata 3 anos pola falla de medios e os demandantes chegan a falecer na lista de agarda. Puxo como exemplo a situación da provincia de Pontevedra, con 3 equipos de avaliación que contan cunha médica xubilada, outra de baixa, 3 traballadoras sociais e 2 psicólogos.
Estes tres equipos teñen que xestionar ata 400 novas solicitudes cada mes, co que acumulan xa 10.000 peticións nos últimos 3 anos que non poden atender, mentres a Xunta ofrece solucións ineficaces ofrecendo persoal sen formación e un convenio co Sergas que “non serve para nada”.
Vilán solicitoulle á Valedora que visite o Centro de Menores Avelino Montero e a residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra, para ver en primeira persoa as condicións nas que están a ser atendidos os seus usuarios. Tamén puxo o acento sobre a situación derivada da vaga de lumes do pasado outono, cando no Concello de As Neves, un dos principais afectados, só hai dúas empresas que cobraran as axudas.
Tamén chamou a atención sobre a falla de apoio ás persoas vulnerables para pagar a enerxía e garantirlles vivenda pública e a situación dos colexios públicos construídos con amianto.