A falla de competencias autonómicas e a investigación xudicial en marcha explican a posición contraria do Grupo Socialista a celebrar un Pleno Extraordinario sobre o sinistro do Marisquiño que o deputado Abel Losada reduce a “estratexia electoral”. Así o explicou hoxe na Deputación Permanente do Parlamento, que rematou rexeitando esta petición.
Sinalou que “a ética política debera ter un límite” en alusión ás mostras de “vehemencia investigadora” do PP con relación a este caso. Lamentou que non se ten repetido “no caso das viaxes en iate pola Ría –en alusión ás fotos de Feijóo con Marcial Dorado-, nas fotos de mangueiras –do hoxe presidente da Xunta na vaga de lumes de 2006- ou cando un paciente falece ás portas do PAC –de A Estrada- por falla de atención médica”.
Losada criticou que os grupos políticos teñan derivado nunha “cerimonia da confusión” ao pedir unha Comisión de Investigación sobre o sinistro e sinalou que “non cremos que a misión –deste órgano- sexa acumular frustracións”. Lembrou así que a Comunidade Autónoma non ten competencias sobre o suceso e adiantou que os socialistas manterán a mesma posición que no seu día coa Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia.
Lamentou que “os grupos que defenden a autonomía local cando se trata de A Coruña, Ferrol, Santiago ou Pontevedra, pero teñen menos forza cando falamos doutros concellos nunha estratexia electoral pero que temos que sinalar”.
O parlamentario socialista apuntou que o Plan presentado polos organizadores do Marisquiño foi validado conforme á Lei de Espectáculos porque o Concello “valida aquelo para o que se lle pide autorización e revisa as actuacións en zona municipal. Lembrou así que a estrutura de formigón que se derrubou correspondía ao Porto de Vigo.
Sinalou á “presión que debeu haber por parte da Xunta” para explicar os “cambios de terzo” do responsable desta entidade, que comezou dicindo que se tratara dun fallo estrutural.
Tres horas despois, sinalou, apuntou a un presunto problema de falla de mantemento competencia do Concello, responsable de manter a estrutura de madeira “que non se derrubou”, e rematou nunha terceira fase “acusando aos organizadores” do evento.
Apoio aos afectados
Abel Losada comezou a súa intervención amosando o apoio dos socialistas galegos aos 467 afectados e ás súas familias, e lembrou que “afortunadamente 8 días despois non quedaba ninguén hospitalizado” con relación a este accidente. Saudou ademais aos distintos servizos de emerxencia e representantes da sociedade civil que tomaron parte na atención ás vítimas.
Neste sentido, explicou que “a coordinación de servizos funcionou” entre bombeiros, policías local e nacional, protección civil, emerxencias médicas, o servizo de seguridade do evento, os taxistas que ofreceron traslados gratuítos ao hospital e os hospitais públicos de Vitrasa mobilizados para os traslados.