O parlamentario socialista Abel Losada criticou hoxe a “utilización espuria e electoralista” da Comisión de Investigación do accidente do Marisquiño. Logo da constitución deste órgano sinalou que “tres partidos con resultados nefastos en Vigo utilizan un desgrazado accidente para intentar desgastar ao alcalde” e “utilizar o Parlamento para acadar aquelo que non son quen de acadar en Vigo”.
Sinalou que a constitución deste órgano, cando o Parlamento carece de competencias e aínda está en marcha unha investigación xudicial, deriva da “miseria política na que se atopa o PP diante da desesperación ante o seu afundimento flagrante na cidade”. Sinalou así ás declaracións feitas onte pola portavoz do PP no Concello de Vigo, que chegou a dicir que “o alcalde fixo todo o posible para que este accidente se producira”.
Tamén criticou a intervención do presidente da Xunta, que despois dunha reunión do Consello da Xunta acusou ao alcalde de Vigo de sinalar que “todos son culpables salvo o primeiro responsable”. Losada lembrou que “nunca escoitamos ao alcalde responsabilizar a ninguén de nada, máxime mentres está en marcha a investigación xudicial e terán que ser os técnicos os que determine o que aconteceu”.
Pinza
Losada comparou o acordo para constituír este órgano coa “pinza” de 1996 cando “Anguita e Aznar paseábanse do brazo comodamente por Madrid”, e aludiu á moción de censura de 2003 na cidade de Vigo, cando o BNG votou á candidata do PP para retirar da alcaldía ao socialista Ventura Pérez Mariño e situar no seu lugar a Corina Porro.
Lembrou que daquela “había intereses en plena burbulla inmobiliaria e tiñamos o Plan Xeral pendente de aprobación”, pero as consecuencias “están aí”, remachou, co BNG “fora do Concello como forza política representante dos cidadáns, e nos tememos e desexamos que así siga”.