A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, urxiu hoxe a cumprir coas medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na que reivindicou “facer o comprometido, e facelo canto antes, como instrumento complementario á lexislación e coa correspondente dotación orzamentaria”.
A proposta, que será votada mañá, pide a posta en marcha das medidas adoptadas no dito Pacto de Estado. Sinala así “especialmente aquelas que teñen que ver coas entidades locais e o papel que lles corresponde no ámbito da atención e protección das mulleres vítimas e as súas fillas e fillos”, e reclama as partidas orzamentarias acordadas para o seu cumprimento.
Pierres chamou hoxe a “facer que o que é un problema de Estado, que conlevou un Pacto de Estado, non sexa agora un fracaso de Estado”, e lembrou que se trata dun problema que “afecta a todos e a todas”.
Advertiu que “os métodos de protección das vítimas son insuficientes e ineficaces” como demostra que “se fracase na orde de protección dunha muller que solicita amparo e axuda, e que ese fracaso se materialice co seu asasinato”. Preguntou “como vamos trasladar a mensaxe de que é preciso denunciar se un 20 por cento das mulleres asasinadas en 2016 denunciaran previamente, e un 11,4 tiñan unha orde de protección en vigor”.
A deputada socialista lembrou que “a día de hoxe, oficialmente son 44 as vítimas de violencia de xénero, as mesmas que en todo 2016” e que agochan un dato “absolutamente demoledor e desalentador”. Aludiu a que “no que vai de ano teñen sido asasinados oito menores a mans dos seus pais -un deles galego-, por un asasinado en 2016”.
Sinalou que “os equipos de forzas de seguridade que atenden ás vítimas con protección son insuficientes e incapaces de asegurar esa vixilancia de agresor e velar pola seguridade das vítimas”. Ese é o caso, dixo, “no que podemos entender mellor a importancia de investir, e de facelo de urxencia” e o mesmo, engadiu, “hai que trasladalo á prevención, á formación e á especialización dos axentes do proceso de atención ás vítimas”.