O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe o silencio do PP e do goberno galego fronte á proposta da Universidade de Santiago de Compostela de reducir as prazas da Facultade de Medicina. Así o dixo no debate dunha moción socialista para ampliar as prazas MIR de Galicia e remitirlle ao Parlamento os informes do goberno sobre a provisión de prazas.
Torrado lamentou que o PP votara en contra desta iniciativa menos de 24 horas antes da xuntanza do Consello de Coordinación da Docencia Clínica de Galicia, que precisamente mañá terá que pronunciarse sobre esta proposta. O parlamentario socialista lembrou que o titular do dito órgano é o conselleiro de Educación, e o vicetitular é o de Sanidade, e acusounos de ter “algo que agochar porque non queren dar nin sequera a súa opinión”.
Criticou a política sanitaria “deficiente” e a política de Universidade “de Cifuentes”, en alusión ao escándalo do presunto máster da presidenta da Comunidade de Madrid na Universidade Rei Juan Carlos. Deste xeito aludiu á interpelación na que o conselleiro de Educación eludiu dar a súa opinión sobre a redución de prazas e a unha entrevista do titular de Sanidade, que dicía que “nin apoio nin deixo de apoiar” a proposta da USC.
O responsable socialista lembrou que a xuntanza de mañá terá que contar cos informes do goberno galego sobre a redución de prazas, e preguntou se “cren que se compran as opinións como os títulos na Rei Juan Carlos”. Abundou no asunto sinalando que “supoño que terán o informe para mañá e non farán como con outras actas falsificadas a posteriori”.
Torrado reivindicou os ditos informes e a apertura de canles de diálogo coa Universidade para definir as prazas da Facultade de Ciencias da saúde, fronte a un PP que, dixo, “non ten criterio do que pasa na Universidade pública”. Criticou que “non queiran dicir o que pensan” para enfrontarse a unha Universidade na que “antes só estudaban os ricos, agora só estudan os pobres, e os demais pagan polo título”.
Os socialistas reclamaron hoxe que a Xunta desenvolva as accións e negociacións necesarias para ampliar as prazas MIR para Galicia e dotando ao Sergas dos medios necesarios para acollelas. Ademais, propuxo un plan plurianual de contratación estable “que palíe o problema de déficit e precarización do emprego na sanidade pública, co compromiso de abrir durante os anos 2018 a 2020 a OPE de 1.750 prazas anuais.