A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, presentou hoxe unha batería de preguntas parlamentarias sobre o “presunto trato de favor” por parte da Consellería de Agricultura ao fillo da actual conselleira do Mar. Esta persoa, sinala, recibiu unha axuda de fondos Feader xestionada pola Xunta a pesares de que incumpría os requisitos.
A responsable socialista urxiu ao goberno galego a clarificar un “posible tráfico de influenzas” na concesión destas axudas que, de confirmarse, obrigará á Xunta a “depurar responsabilidades” ao máximo nivel. Toja falou de “trato de favor” ao conceder estas axudas a unha persoa “moi achegada” a unha conselleira poñendo “en xogo a igualdade de oportunidades”.
Sinalou que as axudas deberan incluír unha licenza municipal concedida antes do 16 de outubro, pero a licenza estaba datada o 28 de marzo de 2018, mentres outros solicitantes viron denegadas as axudas por no cumprir cos requisitos de documentación.
Entrega de documentación
A deputada socialista reclámalle á Xunta que clarifique esta situación respondendo canto antes á solicitude de documentación que foi tramitada o pasado 16 de maio pedindo os expedientes da solicitude de axudas para a creación de empresas para os agricultores mozos cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola Rural, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, e a convocatoria de axudas para 2017.
Nas súas iniciativas, Loli Toja apunta que “é precisa transparencia ante as dúbidas xeradas, xa que pode haber sospeita fundada de trato de favor e se está a poñer en cuestión a igualdade de oportunidades”. Remata que “é preciso determinar se existen responsabilidades ante un asunto regulado e nese caso deberían depurarse”.